ACCIÓN CULTURAL

Mercedes Rosón explica a experiencia cultural de Santiago no IV Foro Iberoamericano de Alcaldes: Patrimonio Vivo

17/09/2019 A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, e de Acción Cultural, Mercedes Rosón, participou hoxe na mesa redonda "Desenvolvemento produtivo con inclusión: o rol das industrias creativas e culturais na economía local", que se tivo lugar no marco do IV Foro Iberoamericano de Alcaldes: Patrimonio Vivo, que se celebra en Sevilla. Durante a súa intervención, sinalou que en Compostela, cultura e patrimonio levan séculos "intimamente relacionados. E é aí onde estamos traballando, nesa simbiose. Por iso redactamos o Plan de Xestión da Cidade Histórica, que contempla a acción cultural e a potenciación do noso patrimonio como un aspecto esencial do noso desenvolvemento económico".

Despois de falar da importancia do Camiño de Santiago como "transmisor da cultura europea"; e de salientar o papel que ten o patrimonio intanxible no desenvolvemento económico da cidade, destacou o valor das peregrinacións e a ampla oferta cultural e creativa de Santiago.

Mercedes Rosón explicou o Plan de Xestión da Cidade Histórica, un plan que recolle oito obxectivos estratéxicos e retos de futuro. Entre eles: desenvolver o potencial de acollida residencial da zona monumental e recuperar as actividades comerciais e culturais propias e específicas; asegurar a conservación do patrimonio histórico-arqueolóxico; integrar a cidade histórica na súa base territorial; reorientar o modelo turístico; profundar no coñecemento do patrimonio, comunicar e educar; integrar á cidade histórica na súa contorna urbana e comarcal; e impulsar a vinculación da Cidade Histórica coa innovación e o coñecemento, xunto ao apoio ás actividades creativas.

Incidiu, sobre todo, neste último punto. "O noso obxectivo é impulsar o gran potencial de Compostela como nó de innovación e coñecemento", sinalou Mercedes Rosón, "favorecendo a implantación de espazos destinados a esta actividade, dotados e ben artellados; fomentando actividades creativas e artísticas; e promovendo unha nova relación entre a USC e a Cidade Histórica" a través de Universidade.

No marco deste IV Foro Iberoamericano de Alcaldes: Patrimonio Vivo, a concelleira de Acción Cultural, participou onte nun acto no Polígono Sur de Sevilla, no barrio das 3.000 vivendas, un dos máis pobres de España, e no que o concello sevillano está centrando as súas enerxías coa creación do espazo Factoría Cultural e dun centro de maiores. Estaban presentes catro representantes de distintas cidades e tres representantes veciñais nun encontro con formato radiofónico, no que se debateu sobre a cultura como elemento de transformación e desenvolvemento urbano e patrimonial.

Compartir: