CONSORCIO

A Real Filharmonía de Galicia celebra este mércores un concerto gratuíto no Centro Sociocultural de Fontiñas

17/09/2019 A Real Filharmonía de Galicia ten entre as súas prioridades achegar a orquestra e a música clásica a toda a cidadanía. Así, ao longo desta temporada están previstas unha serie de actuacións na rúa e noutros espazos diferentes á sede da orquestra, o Auditorio de Galicia. Nesta liña, a RFG inicia esta semana un ciclo de concertos gratuítos en barrios emblemáticos da cidade compostelá, baixo a batuta do seu director titular e artístico, o mestre Paul Daniel.

Ao longo da semana celebraranse un total de tres concertos, que terán lugar o mañá mércores (día 18) no Centro Sociocultural de Fontiñas, o xoves 19 no Centro Sociocultural de Vite, e o venres 20 na igrexa de Santa María de Conxo. Cada unha destas citas musicais comezará ás 19:00 horas.

Obras moi populares para todos os públicos
A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá ao público unha selección de obras clásicas moi populares, entre elas a Chanson de matin (Canción da mañá) do compositor británico Edward Elgar (1857-1934), unha peza de grande atractivo melódico.

O público poderá gozar ademais con varios fragmentos da Sinfonía nº 2 de Beethoven (1770-1827), escrita cando o compositor comezou a experimentar os primeiros síntomas da súa xordeira. Trátase dunha obra moi enérxica, repleta de beleza e vitalidade, o que contrasta co momento persoal que estaba a sufrir o autor.

A orquestra achegará tamén aos asistentes unha selección da Sinfonía nº 1 do compositor francés Georges Bizet (1838-1875). Escribiuna en tan só un mes, aos seus dezasete anos. A peza non se executou en vida do autor, xa que a concibira como unha simple tarefa estudantil. Pero, unha vez descuberta, converteuse rapidamente en parte do repertorio romántico habitual.

Compartir: