MEDIO RURAL E PROMOCIÓN ECONÓMICA

O FICRURAL 2019 acollerá o V Festival Internacional de Cine Rural de Galicia

14/09/2019 O Festival Internacional de Cine Rural de Galicia, único festival específico de cine rural que hai en Galicia, é un espazo para a divulgación e exhibición de curtametraxes documentais e de ficción, cunha temática relacionada co medio rural e coa recuperación da memoria material e inmaterial dos pobos do mundo. Incluído na programación do FICRURAL 2019, trátase dun proxecto de Arraianos Producións e Lareira Pop, que conta co financiamento do Concello de Santiago de Compostela e da Deputación Provincial da Coruña.

Nesta V Edición, o festival estará espallado por todo o rural de Compostela, a través de programación nos seu centros socioculturais. O FICRURAL vai ser, xa que logo, un punto de encontro para a cidadanía en xeral e para os profesionais do sector audiovisual, un espazo para o debate e a reflexión creativa sobre o pasado, o presente e o futuro do mundo rural.

Con esta iniciativa reivindícase igualmente a figura e o legado do gran cineasta de Cartelle, Carlos Velo, promovendo a creación e o desenvolvemento de proxectos artísticos, sociais, culturais, económicos e obras audiovisuais que xiren arredor do medio rural e do seu futuro.

Entre os obxectivos dos organizadores deste festival multidisciplinar hai que destacar o interese polo coñecemento, a conservación e a defensa das culturas e dos sinais identitarios do mundo rural dos pobos do mundo, do seu singular patrimonio material e inmaterial, a recuperación e a codificación da memoria histórica e colectiva, e a promoción do intercambio interxeracional e a participación cidadá neste debate necesario e imprescindible sobre o futuro do mundo rural.

Esta iniciativa quere ser un referente cultural e artístico contemporáneo, un evento que proporcione un espazo de encontro e de proxección exterior do talento creativo pasado, presente e futuro. Neste contexto enmárcase tamén a homenaxe ao cineasta Eloy Lozano que se vai desenvolver ao longo do FICRURAL.

No marco desta edición do festival tamén haberá unha homenaxe a Antonio Román, un dos pioneiros do documentalismo en Galicia, así como unha exposición sobre o artista galego Yoseba MP e o seu singular proxecto creativo Fenómenos do Rural, centrado en mulleres que habitan no rural galego. Ao longo de todo o evento, este prestixioso artista multidisciplinar vai pintar en directo un mural no lugar onde se van desenvolver as actividades de FICRURAL.

Direcciones relacionadas



Compartir: