TURISMO

A AMCS presentará no último trimestre do ano un diagnóstico do trazado do Camiño para coñecer a súas deficiencias e emendalas con vistas ao ano 2021

06/09/2019 O concelleiro de Presidencia, Relacións Institucionais e Turismo, Sindo Guinarte, participou este venres na reunión da Xunta Directiva da Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS), que aglutina a 99 localidades xacobeas. O presidente e alcalde de León, José Antonio Díez Díaz, presidiu a cita dos trece municipios que a compoñen na monumental Estación Internacional de Canfranc (Huesca).

Na xuntanza presentáronse os proxectos que a Asociación desenvolverá no cuarto trimestre do ano, así como un informe das contas. A Asociación de Municipios ten en marcha agora mesmo 34 proxectos, algúns deles europeos cos seus socios franceses e portugueses; xestionou 16 eventos e celebrou 102 reunións.

Entre os proxectos máis importantes que impulsará a AMCS neste último trimestre do ano, e á espera de que o Goberno Central aprobe un orzamento, figuran varios proxectos no Camiño de Santiago por parte do Ministerio de Fomento e do Ministerio de Turismo. "Co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo estamos traballando unha campaña internacional de promoción e difusión do Patrimonio e de os pobos e cidades que compoñen o Camiño Francés, destacando tamén os valores da Ruta. Este proxecto presentarémolo ante o Ministerio no que queda de 2019 e xa conta co visto bo previo da súa parte", explicou o presidente da AMCS.

A Asociación tamén presentará neste trimestre un proxecto SUDOE (Programa de Cooperación Territorial do Espazo Suroeste Europeo), un novo Programa de Voluntariado Europeo co Grupo Compostela Universidades e un proxecto de Redes de Cidades da UE coordinado con asociacións de Dinamarca e Francia, así como un diagnóstico do trazado do Camiño para coñecer a súas deficiencias e emendalas cara o 2021.

Ademais, a Xunta acordou convocar a Asemblea Xeral o 4 de outubro en Logroño. Durante esa sesión, os 99 socios que aglutina a plataforma decidirán cal será a súa Xunta Directiva durante os dous próximos anos. Na actualidade, ademais do alcalde de Santiago de Compostela, o único municipio que ten unha vogalía permanente, forman a Xunta Directiva os rexedores de Paradela, Portomarín, Astorga, León, Carrión de los Condes, Castrojeriz, Santo Domingo de la Calzada, Logroño, Puente La Reina, Estella-Lizarra, Jaca e Canfranc.

Compartir: