ALCALDÍA

O novo Consello Director de Compostela Rupestre deseña a folla de ruta para a consolidación do parque

05/09/2019 A concelleira de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón, xunto co vicepresidente da Deputación da Coruña, Xosé Regueira, e representantes dos concellos de Ames, Brión, Teo, e Val do Dubra, participaron nunha nova xuntanza do Consello Director de Compostela Rupestre, na que se tomaron decisións con respecto aos traballos a desenvolver nos próximos meses de cara a avanzar na consolidación do parque. Na reunión, celebrada en Raxoi, incorporáronse ao proxecto representantes dos novos gobernos municipais e asumiu a presidencia rotatoria o tenente de alcalde de Ames, David Santomil.

A reunión do Consello Director de Compostela Rupestre pecha o seu primeiro ano, no que a presidencia, de carácter rotatorio en función da poboación dos municipios, residiu no Concello de Santiago para pasar ao de Ames, representado polo seu tenente de alcalde e concelleiro de Educación e Patrimonio Histórico, David Santomil. Ademais, o grupo experimentou máis cambios na súa constitución derivados das eleccións municipais deste ano e na xuntanza participaron, ademais de Mercedes Rosón, as concelleiras de Teo, Maite Argibay e Iria Otero; o alcalde de Val do Dubra, José Manuel Varela; a tenente de alcalde de Brión, Yolanda Bouzas; e o tenente de alcalde de Ames, David Santomil. Ademais,, asistiron membros do Consello Asesor e persoal técnico e de investigación relacionado co proxecto.

"O proxecto ten como obxectivo, entre outros, diversificar a oferta turística por medio do importante tesouro patrimonial rupestre deste territorio e achegar á veciñanza este legado de especial interese. Difundir, protexer e poñer en valor os petroglifos dos cinco concellos e outros elementos de grande valor é o fin deste proxecto que ten por diante uns anos fundamentais para a súa consolidación e deseño de futuro", sinalou o vicepresidente e responsable das áreas de Patrimonio e Turismo, Xosé Regueira, quen valorou tamén o compromiso e o traballo colaborativo dos cinco concellos implicados no proxecto Compostela Rupestre para o que a Deputación da Coruña destina 500.000 euros.

Na xuntanza presentouse a páxina web de Compostela Rupestre que suporá unha das principais ferramentas de difusión do parque e ofrecerá información e imaxes sobre o conxunto arqueolóxico, descrición dos petroglifos máis importantes e rutas para coñecer o patrimonio rupestre do territorio. A páxina, que estará operativa proximamente, inclúe máis de duascentas fotos e información histórica e práctica do conxunto patrimonial dos cinco concellos.

Ademais, o arqueólogo Mario César Vila deu conta do proxecto de revisión documental, catalogación e selección para a posta en valor e adquisición de terreos dos petroglifos e xacementos rupestres catalogados nos cinco concellos como paso previo á elaboración do plan director. O proxecto contempla distintas fases de traballo, que van desde a propia redacción inicial ata a memoria final, pasando por traballos documentais e de xestión da información ou execución de traballos de campo (prospección, toma de datos, rexistro fotográfico, avaliación de danos e topografía).

Compartir: