ALCALDÍA

Concello e Universidade afianzan a colaboración en materia investigadora

05/09/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, visitou o Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes, CiTIUS, co seu director científico, Senén Barro, co que falou da aplicación das tecnoloxías intelixentes en proxectos de interese para a cidade e, máis en concreto, de programas en marcha como o Smartiago ou o Trafair.

Entre as cuestións que se trataron na visita figurou unha revisión do estado do Smartiago, o proxecto de cidade intelixente de Santiago de Compostela para resolver retos de cidade ligados á sustentabilidade ambiental e patrimonial. A finais de 2017, o pleno do Concello de Santiago aprobou por unanimidade a firma dun convenio co Ministerio de Economía e Empresa para dedicar 12,36 millóns de euros á mellora da sustentabilidade en tres servizos públicos fundamentais: residuos e limpeza viaria, mobilidade e iluminación pública e conservación patrimonial; unha iniciativa con participación do CiTIUS e cuxo foco está posto na sustentabilidade, baseándose en conceptos de economía circular, internet das cousas e intelixencia artificial.

Sobre o Smartiago, o alcalde lembrou que "a primeira fase, de 6 millóns de euros, ten que estar executada en 2021, e outros 2,1 millóns de euros o 31 de outubro do ano que vén, pero a realidade é que de momento van executados 40.000 euros, o 0,6%". Por iso, engadiu, "imos tramitar a solicitude de ampliación do prazo ata 2023".

Sánchez Bugallo coñeceu tamén as últimas novidades de Trafair (Understanding Traffic Flows to improve Air Quality), un proxecto europeo destinado á mellora da calidade do aire no que participan Santiago de Compostela, o CiTIUS e o CESGA, amais doutras cinco cidades e centros de investigación europeos.

"Buscaremos a colaboración da USC para sacar adiante todos estes proxectos de interese para Santiago, apuntou o alcalde, quen expresou a necesidade de "converter o que é desenvolvemento e investigación en empresa e na xeración de postos de traballos cualificados, que é o que forma a nosa Universidade".

O encontro tamén serviu para que o director científico do CiTIUS, Senén Barro, lle presentara ao alcalde os detalles do Congreso Europeo de Intelixencia Artificial, que se celebrará en Compostela en 2020, "o congreso máis importante de Europa e dos máis importante do mundo no ámbito da intelixencia artificial.

Compartir: