DEPORTES

A Festa do Deporte congregará máis de 50 entidades da cidade e preto de 1.500 escolares os días 29 e 30 de setembro

01/08/2019 Xa está en marcha a organización da terceira edición da Festa do Deporte, que se celebrará o domingo 29 e o luns 30 de setembro. O evento volverá ser un escaparate da rica oferta deportiva da cidade e un punto de encontro para todos/as os/as composteláns/ás que fan ou queren facer deporte.

A concelleira de Deportes, Esther Pedrosa, presentou esta nova edición da Festa do Deporte, que volverá ser un gran escenario que facilite a máxima participación de entidades deportivas, escolares e veciñanza. Terá como epicentro o parque de Galeras, ao que se suma o complexo deportivo de Santa Isabel.

Cada espazo contará con sedes e zonas adaptadas para realizar as diferentes actividades deportivas, en función da modalidade e da entidade inscrita, buscando en todo momento encaixar do mellor xeito posible as necesidades de cada deporte.

A Festa do Deporte celebrarase o domingo 29, de 11:00 a 14:30 horas, e o luns 30, de 10:30 a 14:00 horas. Tal como explicou o técnico municipal responsable de Deportes, Juan Garabato, que acompañou a concelleira na presentación do evento, "este ano atendéronse as suxestións que nos fixeron chegar tanto as entidades deportivas coma os centos de participantes e modificamos a posta en escena da Festa do Deporte". Así, a data de comezo será un domingo ─29 de setembro─, facilitando deste xeito a participación en familia e facendo do deporte un punto de encontro para todos e todas, onde a idade ou a habilidade non son importantes.

Por outra banda, despois da exitosa resposta obtida na anterior edición, na que estiveron presentes máis de 1.000 escolares, dedicarase a xornada do luns 30 de setembro en exclusiva a todos os centros educativos da cidade que manifesten interese en participar.

Escaparate do deporte compostelán
A Festa do Deporte volverá ser a oportunidade para que Compostela coñeza a súa riqueza deportiva, formada por máis de 100 entidades e por centos de persoas anónimas que invisten de forma totalmente altruísta o seu tempo en prol do deporte, ademais dos miles de deportistas de todas as idades que gozan das diferentes propostas que a nosa cidade lles ofrece.

Será, polo tanto, un evento deportivo de tipo recreativo e popular, que estará aberto á participación de toda a familia e aos centros educativos do noso municipio, con actividades adaptadas ao nivel de todos/as os/as participantes. O Concello quere tamén deste xeito promocionar a práctica deportiva en criterios de igualdade, potenciando a creación de hábitos de vida saudable.

Inscrición aberta
Tras a apertura hai tan só uns días do período de inscrición, xa está confirmada a participación de 16 clubs (que representan a 15 modalidades deportivas), polo que, segundo Juan Garabato, todo parece indicar que se superarán sobradamente os datos de anteriores edicións, nas que estiveron presentes case 50 entidades que desenvolveron un programa con máis de 40 deportes. O prazo de inscrición para participar como club remata o venres 13 de setembro.

En relación á presenza de escolares, xa manifestaron a súa intención de participar 19 centros educativos (8 centros máis que na pasada edición), polo que se estima unha asistencia duns 1.500 escolares.

Colaboracións e dispositivo sanitario
Un ano máis, a Festa do Deporte contará coa colaboración de Gadis a través do seu tráiler saudable, que leva a cidades e vilas información sobre hábitos que nos permiten vivir máis e mellor. Alí abórdanse temáticas como comida saudable e actividade física, ou desperdicio de alimentos e compra responsable, conceptos que axudan a comprender a necesidade de facer pequenos axustes no noso día a día para obter excelentes resultados na nosa saúde e na do Planeta.

No eido sanitario, novamente estará presente Cruz Vermella Santiago, que disporá dos medios necesarios para garantir un correcto desenvolvemento do evento. Ademais, dentro da programación prevista realizaranse obradoiros de primeiros auxilios e de reanimación cardiopulmonar, eminentemente prácticos e orientados a facilitar a máxima participación tanto de nenos e nenas como de adultos.

Novidades, web e redes sociais
A organización segue a traballar para pechar o programa definitivo do evento, que se presentará no mes de setembro. Toda a información pode consultarse a través do perfil da Festa do Deporte nas redes sociais (Facebook, Instagram, Twitter e YouTube), así como na web oficial do evento, que estará operativa a partir do 2 de setembro.

Direcciones relacionadas



Compartir: