FESTAS

O espectáculo dos Fogos repasou a historia arquitectónica de Compostela e homenaxeou as súas mulleres

24/07/2019 A praza do Obradoiro encheuse un ano máis para presenciar os agardados Fogos do Apóstolo. Pirotecnica, proxeccións, efectos especiais, iluminación e música mesturáronse nun espectáculo que realizou un percorrido por algúns episodios da historia de Compostela, cunha especial lembranza ás súas mulleres.

O percorrido arrincou pola Prehistoria e os debuxos sobre a pedra, dos que Compostela ten importantes testemuños. Pouco a pouco, pedra sobre pedra, a urbe foise levantando e a partir dela teceuse a rede de camiños que levan ata ela, converténdose en eixe cultural de Europa. O repaso a estes camiños e a énfase na chegada dos peregrinos e peregrinas a Compostela foi outro dos eixes do espectáculo, xunto á arquitectura e o crecemento da cidade.

Nesta ocasión tamén houbo referencias ao rural e ás paisaxes de Compostela e, nun dos momentos máis emotivos, unha lembranza das grandes mulleres da historia recente e do presente de Compostela. Así, a proxección destacou a Rosalía de Castro e a outras mulleres, quizais non tan coñecidas, como a escritora e editora María Francisca de Isla y Losada, a cantante exiliada María Valverde, a poeta e dramaturga Herminia Fariña Cobián, a pintora Concha Vázquez ou a mestra feminista María Vázquez Suárez, entre outras.

Tampouco este ano faltou a música en directo, dende os balcóns do Pazo de Raxoi, a cargo de Cantigas e Agarimos, pero cunha formación máis numerosa que en anteriores ocasións. E todo isto completado cun poderoso final, con especial protagonismo da pirotecnia, que este ano se traduciu en máis de 6.000 efectos de disparo e 366 quilogramos de pólvora.

Compartir: