IGUALDADE

A concelleira de Igualdade visita os/as participantes no programa "Verán CampUSC"

23/07/2019 A concelleira de Igualdade, Noa Díaz, visitou hoxe os/as menores que están participando na cuarta quenda do programa Verán CampUSC 2019, acompañada de Mar Lorenzo, vicerreitora de Cultura, Comunicación e Servizos da Universidade de Santiago; e do xerente da Fundación USC Deportiva, Óscar Hermida. Verán CampUSC está concibido como unha actividade deportiva, cultural, socioeducativa e de lecer. Desenvólvese na época estival, co obxectivo de permitir ás nais e pais que traballan durante ese período conciliar a vida laboral e familiar.

Nesta cuarta quenda, que se desenvolve entre o 22 e o 31 de xullo, participan case cen menores. O programa ten lugar de luns a venres, agás festivos, en horario de mañá, de 08:45 a 14:45 horas. Entre as actividades programadas figuran obradoiros de acuoloxía, baile, atletismo ou voleibol. Hoxe practicaron esgrima e quidditch. Todos os venres teñen piscina, o día 30 hai unha visita ao Monte Pedroso, e o 31, actividades relacionadas con igualdade.

O programa está dirixido tanto a traballadores da USC como a aquelas familias que aínda non tendo vinculación coa comunidade universitaria, precisan dunha actividade de conciliación. Organízao a Fundación USC Deportiva e nel colaboran a Vicerreitoría de Comunicación, Cultura e Servizos da Universidade e o Concello de Santiago a través da Concellaría de Igualdade. En Verán CampUSC poden participar menores entre 3 e 13 anos de idade. Queda por desenvolverse unha quinta quenda, na semana do 2 ao 10 de setembro, na que as prazas xa están todas cubertas.

Compartir: