ALCALDÍA

Sánchez Bugallo aposta pola colaboración entre administracións para dotar á cidade histórica da conectividade necesaria

22/07/2019 O alcalde de Santiago de Compostela, Xosé Sánchez Bugallo, participou hoxe na apertura da xornada "A conectividade nos cascos históricos", organizada pola Xunta de Galicia; xunto ao conselleiro de Cultura, Román Rodríguez; e a directora de AMTEGA (Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia), Mar Pereira. Sánchez Bugallo, sinalou que unha cidade histórica, para ser competitiva e para evitar que se deshabite, ten que ser capaz de ofrecer aos seus residentes "unha calidade de vida e servizos semellantes aos que ofrece ao resto do municipio". Na xornada presentarase o primeiro catálogo de solucións para facilitar a extensión da fibra óptica nas zonas monumentais.

Na súa intervención, o rexedor explicou que os cascos históricos non naceron nin se crearon pensando nas demandas dunha sociedade do século XXI. Demandas relacionadas coa "mobilidade, coa conectividade", ás que hai que dar resposta. "As empresas e as persoas que viven nos cascos históricos, por necesidade de formación, de traballo, precisan ter conectividade. Necesitan a capacidade e a posibilidade de estar en contacto, de acceder ás redes, de transmitir os seus traballos e a súa información". Pero, sinalou Sánchez Bugallo, "atopámonos con multitude de dificultades. Algunhas dende o punto de vista do planeamento, dende a protección do patrimonio histórico, pero tamén dende o punto de vista do custo que ten calquera tipo de intervención que afecte a infraestruturas nunha cidade histórica".

Lembrou o alcalde que o Consorcio elaborou en 2011 un plan de actuacións que era necesario acometer para dotar ao casco histórico das infraestruturas necesarias. O custe, explicou o rexedor, ascendía a 110 millóns de euros, "fóra do alcance da capacidade inversora das administracións públicas". Polo tanto, continuou, "é necesario buscar fórmulas que permitan acometer os investimentos necesarios, acordos entre as administracións públicas e os residentes na cidade histórica para buscar solucións economicamente viables e tecnicamente posibles. E dende logo é necesario incorporar as últimas tecnoloxías."

Sánchez Bugallo rematou dando as grazas á Consellería de Cultura e a AMTEGA e sinalando que dende o Concello de Santiago e dende o Consorcio "estamos empezando a traballar" con esta entidade e "espero que con RETEGAL". O obxectivo, explicou, é avanzar na sinatura de convenios que permitan levar adiante os estudios necesarios para pór en práctica, se é posible, un plan piloto e, a partir de aí, xeneralizar. "É imprescindible -engadiu- porque o mal maior é o abandono da cidade histórica, que se deshabite. E a turistificación vai en prexuízo da residencia e da actividade económica normal" do casco histórico.

Na elaboración da guía presentada hoxe partiuse do caso concreto de Compostela. En colaboración co Concello, o Consorcio de Santiago e un equipo de técnicos, enxeñeiros de comunicación e arquitectos, elaboraron unha serie de propostas que se poden aplicar noutros conxuntos históricos. Propostas como o soterramento ou o despregue da fibra óptica a través das redes de saneamento, son algunhas das solucións contidas neste traballo, que se presenta nestas xornadas, que se desenvolven no Museo das Peregrinacións.

Compartir: