ACCIÓN CULTURAL

Peter Tscherkassky, Joan Fontcuberta e Laura Huertas Millán, primeiros nomes do festival Curtocircuíto 2019

18/07/2019 O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela anuncia os primeiros nomes da súa 16ª edición, que se celebrará entre o 28 de setembro e o 6 de outubro. Trátase do cineasta e teórico austríaco Peter Tscherkassky, a quen se lle dedicará unha retrospectiva; do fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta, convidado a presentar unha Carta Branca e a dar unha clase maxistral; e da artista e cineasta franco-colombiana Laura Huertas Millán, que protagonizará a sección Púlsar. Curtocircuíto continúa así coa súa aposta por traer a Galicia grandes nomes ao lado de novas figuras do cine e a cultura visual contemporáneas, nun programa sempre comprometido coa calidade artística, as últimas tendencias cinematográficas e a interdisciplinariedade.

Curtocircuíto presenta tamén o seu cartel que, un ano máis, afonda na evocación das paisaxes remotas e a atracción polo descoñecido. Un cartel representativo do espírito do festival, que convida ao espectador a saír da súa zona de confort para explorar eses lugares ambiguos e escuros nos que descubrir a luz que emerxe das fendas.

Luz escura como a que atopamos nos máis de vinte e cinco filmes ás costas de Peter Tscherkassky (Viena, 1958), un dos grandes nomes do cinema de vangarda que, ademais de acumular unha ampla e potente filmografía, ten un extenso traballo ensaístico sobre a historia e teoría do cine. En 1979 comezou a realizar películas en Super 8. En 1991 fundou a recoñecida Sixpackfilm (unha das distribuidoras colaboradoras de Curtocircuíto) con Brigitta Burger-Utzer. Realizou preto dunha trintena de películas, entre as que se atopan Trilogy of CinemaScope (1997-2001) – formada polos filmes L'arrivée, Outer Space e Dream Work–, Instructions for a Light and Sound Machine (2005), Coming Attractions (2010) e The Exquisite Corpus (2015), que formarán parte da escolma de Curtocircuíto. Recibiu arredor de cincuenta premios, incluindo o Golden Gate Award (San Francisco), o Gran Premio do Internationale Kurzfilmtage Oberhausen e o premio á mellor curtametraxe no Festival Internacional de Cine de Venecia.

Con Tscherkassky, Curtocircuíto trae a oportunidade de gozar na gran pantalla dunha das filmografías máis controvertidas, elocuentes e transgresoras do cinema actual. A súa técnica de traballo artesanal co celuloide desafía o tradicional, movéndose entre a ruptura da linguaxe e a creación dun universo visual cunha forte carga erótica e sexual.

Nesa transgresión dos valores convencionais da imaxe habita tamén o fotógrafo e ensaísta Joan Fontcuberta (Barcelona, 1955), a quen Curtocircuíto concederá unha Carta Branca. O catalán desenvolveu unha actividade plural no mundo da fotografía como creador, docente, crítico, comisario e historiador. Nun momento histórico no que as imaxes son un dos alicerces da sociedade, Joan Fontcuberta érguese como a figura clave na análise dese capitalismo visual. O seu traballo como ensaísta reflíctese na súa fotografía, onde reflexiona sobre a creación de realidades e non tanto sobre a representación da mesma. Sempre buscando a subversión e a visión crítica, Fontcuberta, que se move con soltura no campo do fake, é un dos teóricos detrás do concepto postfotografía.

É autor dunha ducia de publicacións, tales como El beso de Judas. Fotografía y Verdad (1997), Ciencia y Fricción (1998), La cámara de Pandora (2010) e La furia de las imágenes (2016). A súa obra foi exposta no MoMA de Nova Iorque, o Art Institute de Chicago, na Maison Européenne de la Photographie de París ou no Science Museum de Londres.

Continuando coa subversión da realidade, a sección Púlsar, que cada edición pon en valor a cineastas emerxentes, estará dedicada este ano ao traballo de Laura Huertas Millán(1983), artista e cineasta franco-colombiana cuxa práctica cinematográfica parte da etnografía para desembocar nunha sorte de ciencia ficción mesturada con fantasía e falso documental. Foi investigadora asociada do Sensory Ethnography Lab (2014) e do Film Study Center (2014-2017), ambos da Universidade de Harvard. Entre 2009 e 2012 desenvolveu unha serie de pezas arredor do exotismo vinculado aos grandes relatos de conquistadores e viaxeiros en Estados Unidos, entre as cales se atopan Journey to a land otherwise unknown (2011) e Aequador (2012), rodadas entre xardíns botánicos europeos e a Amazonía colombiana, e que combinan fantasía, ciencia ficción e falso documental, para desenterrar representacións coloniais e desmontar as súas proxeccións de poder. En 2012 comezou unha serie sobre "ficcións etnográficas", onde se enmarcan os seus filmes Sol Negro (2016), La Libertad (2017), Jeny303 (2018) e The Labyrinth (2018). As súas pezas recibiron premios en festivais como FIDMarseille, Doclisboa, Fronteira Film Festival, o festival de documentais de Bogotá (MIDBO), Videobrasil e a Bienal de la Imagen en Movimiento en Buenos Aires.

Na súa 16ª edición, Curtocircuíto continúa afondando na ruptura do formato clásico dos eventos cinematográficos propoñendo contidos interdisciplinarios, mantendo como eixo principal o cine de calidade e a aposta polas linguaxes contemporáneas. Ademais das sesións de proxeccións, Curtocircuíto ofrecerá tamén espectáculos audiovisuais, propostas formativas e diversas performances en distintos espazos da cidade.

O Festival Internacional de Cine de Santiago de Compostela, que desvelará máis contidos da súa programación nas próximas semanas, está organizado polo Concello de Santiago, e financiado, entre outros, pola Deputación da Coruña, a AGADIC e o ICAA.

Direccións relacionadas



Compartir: