FESTAS

O pregón de Luis Zahera e a música de Budiño e Zalon Thompson marcan o inicio das festas do Apóstolo

18/07/2019 As festas do Apóstolo arrincan este venres co pregón do actor Luis Zahera, dando paso a 13 días de actividades de balde para todos os públicos. Nesta xornada inicial, a música poñerana Budiño, Zalon Thompson e Kind of Soul.

O pregoeiro, o actor compostelán Luis Zahera, será recibido pola mañá polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e polo concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, aos que seguro adiantará algunhas das liñas básicas do discurso que pola noite ofrecerá dende os balcóns do Pazo de Raxoi. O pregón está previsto para as 22:30 horas.

Luis Zahera saltou á fama co personaxe de Petróleo na serie Mareas Vivas e desenvolveu unha prolixa carreira tanto na televisión coma no cine, en Galicia e en España. Recoñecido e premiado polo seu labor, vén de gañar un Goya como mellor actor de reparto polo filme El Reino.

Despois do pregón, a música, no mesmo Obradoiro, poñeraa Zalon Thompson, artista británico coñecido no seu día por ser a voz principal da banda da desaparecida Amy Winehouse e que agora presenta o seu primeiro disco, titulado Liquid sonic sex. Vén de esgotar entradas xirando en Europa ou Latinoamérica, xuntando así o recoñecemento que xa lle outorgara a crítica.

Á mesma hora, ás 23:00 horas, sairá Budiño ao escenario da praza da Quintana, onde presentará o seu novo disco, Fulgor. O público poderá escoitar a súa música, pero tamén á súa voz porque, por primeira vez, el mesmo canta as cancións do disco.

O programa musical desta primeira xornada completarao Kind of Soul, unha banda compostelá de soul, jazz e boogaloo. O concerto comezará ás 23:30 horas na praza do Toural.

Contratacións
Tamén en relación ao Apóstolo, este xoves celebrouse unha Xunta Local de Goberno extraordinaria para aprobar as contratacións de dous dos concertos principais das festas: La Maravillosa Orquesta del Alcohol (La M.O.D.A) e La Casa Azul, por importes de 33.800 e 33.275 euros, respectivamente. Os primeiros actuarán na praza da Quintana o 24 de xullo, mentres que a outra formación ofrecerá un concerto no mesmo escenario o 23 de xullo.

Compartir: