ALCALDÍA

O alcalde abordará esta vindeira semana o futuro da intermodal coa conselleira de Infraestruturas e coa presidenta de Adif

12/07/2019 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, adiantou hoxe que o mércores manterá unha xuntanza coa conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez. O día anterior reunirase en Madrid coa presidenta de Adif, Isabel Pardo de Vera, nun encontro no que tamén estará presente a concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón. Entre os temas previstos na axenda, a estación intermodal e os convenios asinados entre as dúas entidades.

Sánchez Bugallo sinalou que, unha vez que "non temos a intermodal que queremos, imos ver como a podemos mellorar e facela máis operativa". Cre que non estará rematada no 2021, e que haberá que ver "as solucións provisionais que poida dar Adif para o Anto Santo", no que, pensa, a estación de tren chegará aos tres millóns e medio de viaxeiros.

Outras xuntanzas
Estas reunións de traballo completaranse con outras xuntanzas previstas con distintos colectivos, entre eles a Cámara de Comercio de Santiago de Compostela, "aliados e socios estratéxicos no proxecto de cidade". O alcalde dará así continuidade ás entrevistas institucionais mantidas polo alcalde esta semana co presidente da Xunta, co arcebispo de Santiago e co reitor da USC, nas que asegurou, "non atopei ningún rexeitamento formal nin frontal das propostas que se fixeron, e en xeral percibín unha actitude moi positiva de colaboración". Con estas tres entrevistas, sinalou, iniciouse "unha senda de traballo que queremos que sexa positiva para a cidade e para a cidadanía de Santiago".

Orzamento técnico
En paralelo, explicou Sánchez Bugallo, estase perfilando o proxecto de orzamento técnico. Este venres, os diferentes consellos de administración do Auditorio, Tussa e Incolsa aprobaron os seus respectivos orzamentos, que o luns se integrarán co orzamento municipal. "Terán que seguir a súa tramitación, haberá reunións coa representación de persoal e falarase cos tres grupos políticos que xunto ao Partido Socialista integran a Corporación municipal, intentando conseguir o seu apoio, ou alo menos a súa abstención", afirmou o alcalde.

Apuntou Sánchez Bugallo que, de momento, "queixa non teño ningunha, porque todos os orzamentos (Tussa, Auditorio e Incolsa) se aprobaron co voto favorable do PSOE, BNG e Compostela Aberta e coa abstención do PP". Di percibir unha actitude positiva que, espera, se manteña para aprobar o orzamento técnico que "nos permita facer fronte aos retos e compromisos que ten asumido a cidade para este ano e que evite que poidamos entrar nunha situación de incumprimento grave de compromisos asumidos e de déficit". Outro dos obxectivos deste orzamento, indicou, é que administrativamente se poidan regularizar os servizos que "a día de hoxe carecen do soporte financeiro que debían ter". Neste contexto, o alcalde adiantou que o luns haberá un pleno extraordinario para recoñecemento extraxudicial de crédito de gastos derivados de 2018 ou de gastos que non tiñan soporte orzamentario.

Compartir: