PROMOCIÓN ECONÓMICA

O Concello participa en Zaragoza no I Campus da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local

10/07/2019 Os días 10 e 11 de xullo, Zaragoza Activa acolle o primeiro Campus da Rede de Entidades de Desenvolvemento Local (REDEL), un evento no que participan preto de 70 profesionais e responsables políticos do desenvolvemento local de 27 cidades e rexións de España. O Concello de Santiago está representado no evento.

O Campus está centrado en tres temáticas polas que REDEL está apostando a través dos grupos de traballo que puxo en marcha: comercio, economía social e industrias culturais e creativas. Precisamente, un dos obxectivos fundamentais é marcar unha folla de ruta para os tres grupos orientada á consecución de resultados no curto e medio prazo. Por outro lado, o Campus quere ser un espazo de inspiración e aprendizaxe, para o cal, durante estes dous días estanse presentando experiencias de distintas cidades (Barcelona, Santiago de Compostela, Zaragoza, Valencia, Bilbao, Xetafe, Murcia) e visitaranse proxectos de interese.

Este mércores celebráronse dúas sesións paralelas sobre comercio e economía social. O grupo de traballo de comercio arrincou en 2017. Ata a data compartíronse experiencias de interese que están levando a cabo as entidades socias e definíronse catro liñas de traballo sobre as que afondar durante a sesión: sistemas de información e monitorización do comercio, intervencións sobre o espazo urbano, xeración de capital social e capacidades, e accións de dinamización comercial.

O grupo de economía social púxose en marcha a finais de 2018 ante a importante aposta que se estaba dando en moitas das cidades pertencentes á rede. Ademais de compartir os proxectos que están levando a cabo, identificáronse posibles liñas de traballo para o grupo, entre elas: ferramentas para medir o impacto das iniciativas vinculadas á ESS, fomento da cultura de valores ligada á ESS, contratación pública responsable, recuperación de espazos baleiros para iniciativas de ESS e relación da ESS coa Economía Circular.

O grupo de industrias culturais e creativas púxose en marcha en 2015, o que permitiu compartir a experiencia das cidades participantes e foi motivo de análise e debate en varios dos encontros celebrados nos últimos anos. Na sesión que terá lugar este xoves, día 11, quérese dar un paso máis que permita avanzar na definición de: mellora competitiva do sector (profesionalización, capacitación, incorporación das TIC no proceso creativo), fórmulas de colaboración entre empresas do sector para acceder a á contratación pública e fórmulas de colaboración e asociacionismo para encontrar alianzas aos microproxectos.

Direccións relacionadas



Compartir: