XUNTA DE GOBERNO

Aprobada a convocatoria de incentivos para a contratación do alumnado do obradoiro CREAS

08/07/2019 A Xunta de Goberno Local, na súa sesión ordinaria deste luns, acordou a aceptación dunha subvención complementaria para o obradoiro de emprego CREAS, actualmente en marcha. Do mesmo xeito, aprobou a convocatoria de axudas para incentivar a contratación dos alumnos/as deste curso unha vez remate.

Tal como explicou o secretario da Xunta de Goberno, Sindo Guinarte, aceptouse unha subvención complementaria da Consellería de Economía, Emprego e Industria para o obradoiro de emprego CREAS por un importe de 29.138,53 €, pasando entón dos 288.807 € iniciais a 317.945,53.

Cómpre lembrar que este obradoiro ten unha duración de nove meses, ata o próximo mes de agosto, e conta coa participación dunha vintena de alumnos e alumnas que reciben formación en dúas especialidades: repoboación forestal e tratamentos silvícolas e pavimento e albanelería de urbanización.

Á vista de que se achega a finalización do período de formación e prácticas, a Xunta de Goberno aprobou as bases e a convocatoria de axudas para incentivar ás empresas para a contratación temporal por conta allea destes alumnos e alumnas. O importe máximo da convocatoria é de 30.000 euros e nela fíxase que a contratación terá que ter unha duración mínima de tres meses a xornada completa.

Material de oficina
O Goberno local tamén adxudicou este luns dous contratos de subministración de material de oficina para o Concello: un de material consumible, por importe de 55.686,30 euros/ano, e outro de folios, sobres e carpetas coa imaxe corporativa do Concello, por 12.127,27 euros/ ano, ambas as dúas cantidades co IVE incluído.

Modelos de declaración responsable
Finalmente e en materia de Urbanismo, a Xunta de Goberno aprobou os modelos de declaración responsable de espectáculo público ou actividade recreativa, que se incorporarán como anexos á correspondente ordenanza reguladora da concesión de licenzas.

Documentos relacionados



Compartir: