ALCALDÍA E CENTROS CÍVICOS

O alcalde en funcións participou na entrega dos premios do concurso Selfie LIX de Galicia

12/06/2019 O alcalde en funcións, Martiño Noriega, e a concelleira de Políticas Sociais e Centros Cívicos en funcións, Concha Fernández, participaron na entrega dos premios do concurso Selfie LIX de Galicia, convocado pola Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil, o Consejo General del Libro, o Consell del Llibre Infantil i Juvenil e o Galtzagorri Elkartea, para conmemorar o Día Internacional do Libro Infantil. O acto celebrouse no Centro Cívico Aurelio Aguirre de Conxo.

Os nenos e nenas puideron participar no Selfie LIX de Galicia a través do seu centro docente ou biblioteca, cunha fotografía selfie na que recrearan un personaxe ou unha escena dun libro de literatura infantil ou xuvenil. Na categoría de primeiros lectores, de 1º a 3º de Primaria, o galardón foi para Oriol de la Fuente Rial, que participou no certame a través da biblioteca do Centro Cívico de Conxo. Tamén foron premiados escolares de Logroño, Barcelona e Gipuzkoa. Na categoría de lectores avanzados, de 4º a 6º de Primaria, o primeiro premio foi para Mara López Rivera, do CEIP Virxe do Carme de Sober (Lugo), e o gañador na categoría de Súper Lectores foi Joel Covelo Gallego, do IES Carlos Casares de Vigo.

Compartir: