XUNTA DE GOBERNO

Aprobados os prezos públicos do programa de conciliación de verán nos centros cívicos

07/06/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe os prezos públicos das actividades do programa Vive o verán, os campamentos organizados dende a Rede de Centros Cívicos para facilitar a conciliación no mes de xullo. A actividade terá un custo de 80 euros polo mes completo, e de 40 euros pola quincena.

A Xunta de Goberno aprobou tamén os descontos que se aplicarán nos prezos públicos. Así, haberá un desconto do 50% cando existan razóns sociais, benéficas, culturais ou de interese público que así o aconsellen; un desconto do 20% cando participen dous ou máis irmáns no programa; e un desconto do 100% para familias nas que os dous membros estean desempregados ou en situación de risco social. O programa Vive o verán desenvolverase nos centros cívicos de Conxo, Ensanche, Fontiñas, Santa Marte e Vite, que ofertan un total de 150 prazas para nenos e nenas. Ademais, haberá campamentos de verán nos centros das parroquias da Gracia, Figueiras, Marrozos e Nemenzo, cun total de cen prazas.

Ademais, na reunión de hoxe acordouse adxudicar o contrato para a xestión das escolas municipais de verán do Departamento de Educación á empresa Actividades Lúdicas Galicia SL, que oferta un importe de 14,75 euros/día para a modalidade de quendas e un prezo de 17,25 euros/día para a modalidade de días soltos.

Obras de Castrón Douro
A Xunta de Goberno de hoxe tamén acordou hoxe redactar un proxecto modificado das obras de reurbanización das rúas de Patio de Madres e de Castrón Douro. O obxectivo é atender á aparición de terreos de rocha non previstos no estudio xeotécnico previo aos traballos, e á modificación da rasante da rúa do Pisón por mor duns axustes solicitados por Unión Fenosa para a conexión da nova rede eléctrica. A modificación suporá un incremento no custo das obras, estimado no 9% sobre o custo das obras, fixado en algo menos dun millón de euros.

Por último, na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron as liquidacións provisionais pola prestación do servizo de transporte colectivo urbano de viaxeiros coas empresas Autocares Rías Baixas e Autos Grabanxa, polos importes de 236.000 e 60.000 euros, respectivamente. Ademais, aprobouse a solicitude ao Ministerio de Facenda da subvención anual para o transporte colectivo urbano interior.

Documentos relacionados



Compartir: