POLÍTICAS SOCIAIS

Asinados once convenios con entidades sociais por un total de 173.500 euros

03/06/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, asinou hoxe un total de 11 convenios con entidades sociais por un importe total de 173.500 euros, que permitirán desenvolver actividades de distinta índole durante este 2019.

O Centro Cultural Social Xoán XXIII percibirá un total de 60.000 euros co obxectivo de manter o servizo de albergue que leva prestando o centro e que atende unha media de 80 usuarios/as ao día. Poderase prestar a atención que necesitan en canto a hixiene, roupeiro, alimentación, formación, rehabilitación persoal, asesoramento laboral, xurídico, sanitario e laboral.

A Fundación Andrea recibirá un total de 3.000 euros para continuar a traballar cos nenos e nenas que padecen doenzas e enfermidades de longa duración. O obxectivo é o de "intervir directamente con eles e elas para axudalos a superar as barreiras que se atopan no seu contexto familiar, social e escolar", segundo explicou a concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández. A maiores, traballarase tamén cos membros da familia de maneira individual e levaranse a cabo intervencións grupais coa finalidade de que manter un grupo aberto de apoio emocional para todas e todos os e as membros das familias con nenos e nenas con enfermidades de longa duración.

Pola súa banda, a entidade Aspas desenvolverá o seu Programa de Respiro Familiar que cubrirá en momentos puntuais a atención do seu membro con discapacidade cando na contorna familiar xorden urxencias ou situacións de estrés. O convenio, que ascende a 6.000 euros, está dirixido tamén a aquelas persoas con discapacidade intelectual que non dispoñen de apoios no seu entorno durante os períodos de peche doutros recursos da asociación, vivendas ou residencia. Poderán beneficiarse ata 130 persoas con discapacidade intelectual que pertencen a Aspas.

A Asociación dispón de dous pisos cedidos polo Concello na rúa de Roma, en Fontiñas. O servizo faise dende o venres ás 18:30 horas (saída do centro) ata o luns ás 10:00 horas, cando as persoas usuarias volven ao centro. Cada fin de semana poden participar seis persoas con discapacidade intelectual, tres por cada piso. Desenvolveranse actividades encamiñadas ao fomento da vida autónoma e o coidado persoal, colaborando en todas as tarefas, aseo, limpeza, compra, planificación das actividades de ocio e outras.

O convenio con Down Compostela ascende a 10.000 euros, co que se poderá desenvolver o programa "Isto é vida", de primeira experiencia de vida independente para adultos/as con Síndrome de Down. A entidade dispón dunha vivenda destinada a poñer en práctica todas as habilidades de vida diaria necesarias para ter unha vida autónoma e independente, realizando nela as seguintes actividades: compras, tarefas de cociña, limpeza, lavado da roupa, xestión dos cartos, hixiene persoal, responsabilidades na xestión do fogar e desprazamentos autónomos. Co programa poderán beneficiarse 15 persoas.

No caso da Asociación Fonte da Virxe, o convenio ascende a 3.500 euros para desenvolver un programa de respiro familiar para persoas que padecen unha enfermidade mental, cun proxecto que consiste na realización de actividades e saídas de fin de semana co fin de favorecer as relacións familiares, xa que asegurando períodos de descanso, as familias poden contrarrestar a fatiga e o estrés, e as persoas beneficiarias poden adquirir unha serie de habilidades e destrezas para a vida cotiá. Isto implica unha diminución de recaídas e aumenta a súa calidade de vida.

O Colexio de Avogados/as de Santiago desenvolverá, grazas á achega de 10.000 euros do Concello, un servizo de quenda de letrados/as especializados/as en dereito administrativo e laboral para prestar asistencia e asesoramento xurídico da vía previa administrativa e laboral. Ten como piar fundamental o acompañamento ás persoas que poidan estar nunha situación de perder a súa vivenda habitual.

En relación ao convenio asinado coa Plataforma polo Emprego, ten unha contía de 12.000 euros e está dirixido a 15 persoas migrantes desempregadas ou con emprego precario que teñan entre 16 e 60 anos. Concha Fernández destacou que este programa busca fundamentalmente "a incorporación sociolaboral de persoas migrantes e desenvolver actividades de tipo cultural e de visibilización da comunidade migrante". Tamén se programarán actividades de formación e inserción sociolaboral.

O convenio asinado con Médicos do Mundo ascende a 10.000 euros, para desenvolver tres tipos de actividades. Por unha banda, o que se denomina "Atención individual para persoas migrantes" que beneficiará a 30 persoas entre 16 e 60 anos; por outra, o programa "Formación profesionais sociosanitarios" coa que se traballará con 20 profesionais dos servizos sanitarios, en idade laboral, contratados polos servizos sociais ou estudantes sanitarios; en terceiro lugar a acción "Coordinacións interinstitucionais" para facilitar o acceso das persoas inmigrantes o seu dereito a saúde; e finalmente accións relacionadas coa vulneracións do acceso ao sistema sanitario e o dereito á saúde das persoas migrantes.

O Concello tamén susbcribiu hoxe un convenio con Itínera, que traballa con persoas que padecen algunha enfermidade mental, por importe de 5.000 euros. Desenvolveranse actividades vinculadas ao estudo, idiomas, informática, desenvolvemento cultural e actividades de divulgación nas que participarán arredor de 150 persoas.

Outro dos convenios asinados é coa Fundación Monte do Gozo que desenvolverá o "Programa de Cocaína", deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes, fundamentalmente de cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou que son susceptibles de recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poida permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ó traballo e de responsabilización da súa vida dende o primeiro momento. O programa está dirixido a 80 persoas drogodependentes de entre 17 e 45 anos e o convenio ascende a 45.000 euros.

Finalmente o último convenio asinado hoxe foi coa Asociación Compostelá de Esclerose Múltiple (ACEM), por un importe de 9.000 euros, dirixido a desenvolver o programa de rehabilitación fisioterapéutica co obxectivo de previr, prognosticar e tratar os déficits presentados en cada doente como resultado da Esclerose Múltiple, por tratarse dunha doenza crónica e dexenerativa, motivo polo que as persoas afectadas precisan dunha atención rehabilitadora continuada.

Compartir: