CONSORCIO

A Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago convocan o Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación 2019 (CEGOR)

28/05/2019 A Fundación Laboral da Construción, o Consorcio de Santiago e a Fundación Catedral de Santiago presentaron hoxe no Centro de Referencia de Formación en Materia de Rehabilitación de Pontepedriña o Curso Superior de Especialización en Xestión de Obras de Rehabilitación. Está dirixido a profesionais, técnicos/as e xefes/as de obras de rehabilitación coa necesidade de adquirir ou ben actualizar os seus coñecementos en materia de conservación, restauración e rehabilitación.

O acto contou coa participación de Fernando García Novo, xerente da Fundación Laboral da Construción en Galicia, Belén Hernández Lafuente, xerente do Consorcio de Santiago, Ángel Panero Pardo, arquitecto do Consorcio de Santiago e coordinador académico do CEGOR, e de Daniel Lorenzo Santos, director da Fundación Catedral de Santiago.

A indispensable transformación das nosas cidades no século XXI e os múltiples procesos de renovación que xa se están desenvolvendo nos centros históricos, nos núcleos rurais, nos ensanches e mesmo nas periferias, están a impulsar un cambio paradigmático na cultura urbana e no sector e industria da construción en Europa. Aproveitar as grandes oportunidades que para empresas e traballadores/as do sector se xeran neste contexto require investigación, desenvolvemento do coñecemento e formación especializada para facer da rehabilitación e da renovación urbana un gran tractor da economía local e do emprego cualificado e estable.

A capital de Galicia, por tradición e liderado nos procesos de renovación urbana, pero tamén polas intensas actuacións de rehabilitación da Catedral de Santiago en execución que xestiona a Fundación Catedral, pode conquistar un lugar de referencia na materia en Europa. O Centro Nacional de Formación en Materia de Rehabilitación, situado na antiga fábrica de curtidos de Pontepedriña de Arriba, en Santiago de Compostela, e promovido pola Fundación Laboral da Construción e o Consorcio de Santiago, é pioneiro no Estado español con ese obxectivo, e está destinado de forma específica á formación especializada e reciclaxe de traballadores/as, técnicos/as e empresas da construción cara á rehabilitación.

O CEGOR pretende divulgar novas fórmulas para a conservación e o desenvolvemento da contorna urbana construída, demostrando que o coñecemento das técnicas tradicionais e a incorporación adaptada dos materiais e técnicas de construción contemporáneas son alicerces básicos desa nova cultura da rehabilitación, que debe ser entendida non xa estritamente en relación coa xestión do pasado, senón como ferramenta indispensable para construír un futuro mellor intensamente vinculado coa optimización dos recursos enerxéticos dispoñibles.

O Curso impartirase dende o próximo 7 de xuño ata finais do mes de novembro de 2019 no Centro de Referencia de Formación en materia de Rehabilitación de Pontepedriña, en Santiago de Compostela. Máis de 30 expertos e profesionais de recoñecido prestixio integran o panel docente e o número máximo de alumnos/as que poderán inscribirse é de 25.

O Curso estrutúrase en catro módulos, 1.- Xestión administrativa; 2.- Xestión económica; 3.- Materiais e Técnicas; e 4.- Instalacións e Eficiencia enerxética. Ten unha duración de 295 horas (150 presenciais e 145 en teleformación). Ademais, os/as alumnos/as deberán desenvolver un traballo práctico que estará relacionado co proceso de obras de rehabilitación do Conxunto Catedral de Santiago, que xestiona a Fundación Catedral de Santiago.

A Fundación Laboral da Construción
A Fundación Laboral da Construción comezou a súa actividade no ano 1992, froito do diálogo social entre a patronal e os sindicatos do sector: a Confederación Nacional da Construción (CNC), CCOO de Construción e Servizos e UXT – FICA Industria, Construción e Comercio. O obxectivo de crear esta entidade paritaria por e para o sector, mediante o Convenio Xeral do Sector da Construción, é proporcionar a empresas e traballadores/as os recursos que fixesen posible un sector máis profesional, seguro, capacitado e con futuro.

A Fundación Laboral da Construción forma cada ano a unha media de máis de 70.000 profesionais do sector e imparte máis de 2 millóns de horas de formación, das cales máis dun terzo son de materias relacionadas coa prevención de riscos laborais.

Está constituída por 17 consellos territoriais e ten 46 centros de formación propios distribuídos por toda España, 22 dos cales posúen un centro de prácticas preventivas, no que profesores ensinan aos/ás alumnos/as os riscos reais que poden correr nas obras e como previlos.

Para impartir as máis de 200 especialidades formativas que ofrece, conta coa colaboración de máis de 1.400 formadores/as especializados/as nas máis diversas materias relacionadas co sector da construción.

Compartir: