MOBILIDADE

A veciñanza da cidade histórica poderá solicitar a tarxeta de residentes a partir do próximo luns, tras a entrada en vigor da nova ordenanza da ORA

24/05/2019 A partir do luns, a veciñanza da cidade histórica poderá solicitar as tarxetas que lle permitirán estacionar na zona ORA en calidade de residentes, mesmo aquelas persoas que viven en zonas peonís ou con aparcamento restrinxido. Trátase dunha das principais novidades da modificación da ordenanza da ORA, que entrou en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial da Provincia.

Con esta medida, o Concello pretende facilitar o estacionamento das persoas que residen na zona vella, onde non hai zonas ORA habilitadas. Ata o de agora, só se podía acceder á tarxeta de residentes por domicilio en zona ORA, pero a modificación da ordenanza incorporou o suposto das rúas peonís ou sen prazas de aparcamento próximas ás zonas reguladas de estacionamento. A tarxeta permitirá que a veciñanza da zona histórica aparque por un tempo máximo de 240 minutos.

Compartir: