POLÍTICAS SOCIAIS

Cesión a Abeiro e Arela de dous pisos nas Fontiñas para desenvolver programas de apoio á infancia

24/05/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidades, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, anunciou este venres a cesión de dous pisos no barrio das Fontiñas a dúas entidades sociais que traballan a prol dos dereitos dos nenos e nenas: Abeiro e Arela. Xunto a ela deron conta dos proxectos que se desenvolverán en ditos inmobles os representantes de ambas entidades, Eva Ramos e Xulio Barreiro.

Trátase dos pisos que "o Concello rehabilitou e acondicionou nos últimos meses para que neles se poidan desenvolver os programas de promoción e protección da infancia que ambas entidades impulsan no barrio", segundo indicou Concha Fernández. Os pisos foron repintados con pintura branca da máxima calidade, amañáronse as persianas e cepilláronse as portas. Tamén se acondicionaron todas as cociñas, que só contaban con fregadeiro, incluíndo unha encimeira de granito de 2 cm de espesor e todos os electrodomésticos. Nos inmobles tamén se realizou unha revisión en profundidade dos sistemas de calefacción, nas caldeiras e na fontanería.

Eva Ramos, do Centro Abeiro, explicou que "con este inmoble teremos máis espazo para seguir desenvolvendo o noso programa de apoio ás familias monoparentais, co obxectivo de realizar traballo socioeducativo cos menores e tamén apoio á conciliación". Pola súa banda, Xulio Barreiro sinalou que "continuaremos co noso traballo de intervención coas 53 familias coas que vimos traballando e que se atopan dentro do umbral da pobreza". Xulio explicou que "realizamos un traballo de acompañamento a longo prazo co que denominamos pobreza hereditaria, que é a que pasa de pais a fillos e fillas".

Concha Fernández fixo entrega das chaves a ambas entidades e amosouse moi satisfeita por "poder levar a cabo esta colaboración xa que permite romper os círculos da pobreza cunha aposta pola igualdade de oportunidades e coa dotación de recursos".

Compartir: