MEDIO AMBIENTE E CONVIVENCIA

O alumnado do IES Xelmírez I axardina o exterior do centro escolar coa colaboración do Concello

23/05/2019 O alumnado do IES Xelmírez I está a axardinar o exterior do centro, grazas á colaboración da Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia. O alcalde, Martiño Noriega, e o edil de Medio Ambiente, Xan Duro, visitaron hoxe o centro.

A Concellaría de Medio Ambiente e Convivencia acondicionou unha pequena franxa de terreo no exterior do centro, e cedeu as plantas que están a utilizar os rapaces e rapazas para axardinalos. Despois, o Departamento municipal instalará tamén o peche perimetral no espazo acondicionado. Con esta actividade, o IES Xelmírez I pretende concienciar ao seu alumnado sobre a necesidade de coidar dos espazos públicos e implicarse no seu mantemento.

Visita ao Vilas Alborada
Martiño Noriega tamén visitou esta mañá o Colexio Vilas Alborada. O alumnado de 3º e 4º de Primaria convidou o alcalde a coñecer os traballos desenvolvidos no marco da súa Semana Cultural, que estivo dedicada a facer propostas para mellorar a cidade dende a perspectiva da infancia. O alcalde conversou cos rapaces e rapazas sobre as súas preocupacións, que teñen moito que ver coa necesidade de máis contedores para a reciclaxe, a mellora dos parques ou o acondicionamento de espazos para os graffitis.

Compartir: