ALCALDÍA

Representantes veciñais debaten sobre "Santiago de Compostela: barrios (re)emerxentes e mundo rural" nunha mesa redonda

21/05/2019 Con motivo da exposición A cidade, o Camiño e nós, organizada polo Concello de Santiago e a Rede Galabra (Universidade de Santiago) e aberta no paseo da Ferradura da Alameda, vaise celebrar unha mesa redonda coas asociacións veciñais do municipio titulada "Santiago de Compostela: barrios (re)emerxentes e mundo rural". A cita é este xoves 23 de maio, ás 19:30 horas, no IES Rosalía de Castro.

Nesta mesa redonda participarán Cruz Vázquez Veiga, presidenta da Federación de Asociacións Veciñais do Rural de Santiago (Ferusa) e da Asociación Veciñal de Enfesta; David Ríos Martínez, da Asociación de Veciños Álvaro Cunqueiro; Emilio Cao Vázquez, da Asociación de Veciños de Marrozos; Eva Armental, da Asociación de Veciños Conxo Aberto; e Fátima Rodríguez Figueiras, da Asociación de Veciños As Marías. Moderará o debate o investigador social Luís G. Cuntín Do Campo.

No encontro abordaranse as diversas necesidades e oportunidades vistas dende estas áreas na súa visión e relación coa cidade, coas persoas que a visitan, co tipo de actividade comercial na cidade e no Concello. Farase especial fincapé nos resultados reflectidos na exposición A cidade, o Camiño e nós.

A exposición
A exposición A cidade, o Camiño e nós presenta resultados científicos obtidos por parte do Grupo de Investigación Galabra, grupo especializado en estudos culturais con sede na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela e dirixido polo profesor Elías Torres. Os resultados que se mostran nesta exposición forman parte dun proxecto financiado polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad denominado "Narrativas, usos e consumos de visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: O caso de Santiago de Compostela". As conclusións obtivéronse a partir de 3.420 enquisas realizadas en Santiago e área de influencia entre xaneiro de 2013 e abril de 2019.

Direcciones relacionadas



Compartir: