CONSORCIO

O músico franco-alemán Nicolas Altstaedt dirixe a Real Filharmonía de Galicia, coa que tamén interpretará o "Concerto para violonchelo nº 1" de Shostakóvich

20/05/2019 A Real Filharmonía de Galicia ofrecerá o seu concerto semanal de abono o xoves 23, ás 20:30 horas, no Auditorio de Galicia. O venres 24, a orquestra tocará en Lugo, no Círculo das Artes da cidade, tamén ás 20:30 horas, concerto co que se inaugurará a XLVII Semana de Música do Corpus. A batuta levaraa o mestre franco-alemán Nicolas Altstaedt, que ademais interpretará a Shostakóvich ao violonchelo.

Baixo o título "Sendeiros da Gloria", o programa comezará con Le tombeau de Couperin, de Maurice Ravel (1875-1937). Neste caso, o homenaxeado é François Couperin e toda a música barroca francesa do século XVIII. En xestación dende 1914, a obra foi composta case por completo no ano 1917, momento no que Ravel, que fora apartado da fronte durante a súa participación na Primeira Guerra Mundial, atopábase enfermo. Cada unha das pezas desta obra está dedicada a un amigo do compositor falecido na contenda. O carácter apracible da obra contrasta co período tormentoso da súa composición.

A continuación soará o Concerto para violonchelo nº 1 de Dmitri Shostakóvich (1906-1975). O compositor ruso escribiu a obra para o seu amigo Mstislav Rostropóvich, quen a aprendeu de memoria en catro días e estreouna en 1959 coa Orquestra Filharmónica de San Petesburgo. O concerto será interpretado por Nicolas Altstaedt.

O público poderá gozar tamén coa Elexía "En memoria de Rupert Brooke", do compositor australiano e británico Frederick Septimus Kelly (1881-1916), gañador dunha medalla olímpica como remeiro nos Xogos Olímpicos de verán de 1908 e asasinado durante a Primeira Guerra Mundial. Esta obra compúxoa en homenaxe ao seu amigo o poeta Rupert Brooke, ao que viu morrer no campo de batalla. Escribiu as partituras na súa tenda de campaña durante a contenda.

Os concertos de Santiago e Lugo concluirán coa Sinfonía nº 100 "Militar" de Franz Joseph Haydn (1732-1809). É a oitava da serie de doce sinfonías tituladas "Sinfonías de Londres" do compositor austríaco. O subtítulo "Militar" deriva do segundo movemento, que presenta remarcables fanfarrias para trompetas e efectos de percusión. Un crítico escribiu tras a estrea que o segundo movemento evocaba o "infernal murmurio da guerra aumentado a un clímax de horrible sublimidade".

Charla previa co director e violonchelista Nicolas Altstaedt
Antes da celebración do concerto de abono do xoves en Santiago, o público poderá manter unha charla previa co mestre e violonchelista Nicolas Altstaedt. A cita será ás 19:45 horas na Sala Mozart do Auditorio de Galicia. Esta iniciativa enmárcase dentro da experiencia Convers@ndo con, que a Real Filharmonía de Galicia promove antes de cada concerto coa finalidade de achegar a música ao público de maneira informal e distendida. Poderase participar neste encontro presentando a entrada do concerto.

Nicolas Altstaedt é un dos artistas máis demandados e versátiles da actualidade como solista, director de orquestra e director artístico. As súas fascinantes interpretacións cativan ao público cun repertorio que abarca dende a música antiga ata a contemporánea, da que realiza estreas con frecuencia. Esta tempada é artista en residencia na Orquestra NDR da Filharmónica do Elba, a orquestra sinfónica máis prestixiosa da cidade de Hamburgo e unha das máis aclamadas en Alemaña.

Nesta tempada virará polos principais escenarios europeos coa Orquestra Sinfónica da SWR de Stuttgart, debutará coa Orquestra Sinfónica Nacional de Washington, a NHK e a Yomiuri Symphony no Suntory Hall de Tokio, a Nova Orquestra Europea e a Orquestra Nacional de Francia. Como director aparecerá por primeira vez coa SWR Stuttgart, a Filharmónica de Radio Francia, a Orquestra de Cámara Escocesa e a Orquesta Nacional de España. En España, debutou coa Orquestra Simfònica de Barcelona i Nacional de Catalunya e coa Oviedo Filharmonía como director e solista.

Galardoado co Premio Credit Suisse Young Artist en 2010, ofreceu unha actuación moi eloxiada pola crítica do Concerto de Schumann coa Filarmónica de Viena e Gustavo Dudamel no Festival de Lucerna. Dende entón actuou por todo o mundo coas orquestras máis prestixiosas de Europa, América e Asia; xunto aos directores máis recoñecidos. A súa discografía recibiu numerosos galardóns.

En 2012, Gidon Kremer elixiuno para sucedelo como novo director artístico do Festival de Música de Cámara de Lockenhaus. En 2014, Adam Fischer escolleuno para converterse no novo director artístico de Haydn Philharmonie. Na tempada 2019-2020 será o director artístico do Festival de Whitsun Ittingen.

Compartir: