POLÍTICAS SOCIAIS

Área Central acolle unha nova edición do mercadiño solidario "Trócame-Roque"

20/05/2019 A rede comunitaria de Fontiñas vén organizando dende o 2013 o mercadiño solidario Trócame-Roque, que este ano celebra a súa sétima edición cunha xornada chea de actividades durante a tarde do venres 24 de maio no Centro Comercial Área Central. A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, deu conta dos detalles deste mercado acompañada de representantes dos colectivos implicados: Lola Sanz, orientadora do IES Antonio Fraguas; Rocío Ovalle, coordinadora de Cruz Vermella Santiago, e Judith Cambeiro, orientadora do CEIP Fontiñas.

Como cada ano, a proposta consiste nun mercadiño desenvolvido principalmente por participantes infantís e xuvenís, no que haberá diferente oferta de intercambio baseado na venda e no troco de produtos feitos a man por eles e elas mesmas e tamén por produtos de segunda man como cómics, dvd’s, libros, xogos... Por iso a participación nos postos está reservada a nenos, nenas, mozos e mozas de entre 8 e 18 anos. Este ano, o mercadiño terá máis de 50 postos.

A acción principal segue a ser o mercadiño, que será inaugurado ás 17:00 horas pola concelleira de Políticas Sociais, Concha Fernández, e por dous rapaces ou rapazas do CEIP Fontiñas. Pero ademais, en torno ao mercadiño desenvolveranse diversas actividades ata as 20:00 horas, momento no que se pechará esta nova edición do Trócame-Roque.

A partir das 17:15 horas realizaranse catro obradoiros simultáneos de parkour, breakdance, beatbox e fútbol estilo libre. Xa ás 19:15 horas comezarán as actuacións de breakdance e, un cuarto de hora despois, as de fútbol estilo libre, que dinamizarán a tarde de mercadiño. Posteriormente, ás 19:40 horas, tomará o relevo o dúo musical Ona e Abi, do IES Antonio Fraguas.

Estas actividades serán complementadas ao longo da tarde con obradoiros de maquillaxe, globoflexia e elaboración de chapas personalizadas a cargo de Cruz Vermella.

Tamén se porá unha mesa informativa na que as persoas que se acheguen á mesma poidan coñecer ás distintas entidades (sociais, educativas e sanitarias) que traballan na zona, que labor están levando a cabo e a quen dirixirse en caso de necesidade. Na mesma, presentarase unha mostra do material, que dende o eido comunitario, se vén elaborando en 16 anos de traballo.

Proxecto solidario
O fin da organización deste mercadiño é sufragar un proxecto solidario situado no propio barrio das Fontiñas. Cada posto doará a cantidade que, en conciencia, considere debe aportar, aínda que se establece un mínimo do 50% do recadado (quedando o 50% restante para sufragar os gastos de material).

A metade do recadado será doado a Cáritas Parroquial para a adquisición de artigos de primeira necesidade e produtos de hixiene persoal. Outro 25% destinarase a sufragar algunha necesidade educativa do barrio, canalizada a través dalgunha entidade social presente na zona. Por último, o 25% restante destinarase a sufragar necesidades puntuais e urxentes do colectivo de maiores do barrio que se atopen en situación de maior vulnerabilidade social, co fin de promover maiores niveis de autonomía persoal na súa contorna.

Os obxectivos desta acción pasan por fomentar a participación e a dinamización social; reforzar os espazos de encontro e a vida comunitaria no barrio; integrar a tódolos axentes sociais nunha mesma actividade; activar procesos de solidariedade entre a veciñanza, facéndoos conscientes das necesidades do barrio; concienciar aos/ás menores sobre a realidade social e comunitaria na que viven e difundir a importancia de valorar a interculturalidade.

Traballo comunitario nas Fontiñas
O proxecto enmárcase dentro do traballo comunitario que se está levando a cabo no barrio das Fontiñas e no que participan as seguintes entidades: IES Antonio Fraguas, CEIP Fontiñas, CEIP Monte dos Postes, Centro de Día Arela, Cáritas Parroquial das Fontiñas, Programa de Atención a Familias Abeiro (tamén pertencente a Cáritas Diocesana), Cruz Vermella, Fundación Secretariado Xitano, Asemblea de Cooperación pola Paz, Centro de Saúde de Fontiñas e, por suposto, a Concellaría de Políticas Sociais, Diversidade e Saúde (a través da UTS Fontiñas, Programa Municipal Socioeducativo e Programa Municipal de Prevención).

Compartir: