ESPAZOS CIDADÁNS

Denuncia ante a agresión sufrida polo petróglifo do Castriño de Conxo

16/05/2019 O Concello de Santiago vén de denunciar a agresión sufrida polo petróglifo do Castriño de Conxo, que apareceu danado, aparentemente por un obxecto punzante. O Departamento de Espazos Cidadáns solicitou á Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e á Policía Autonómica a súa colaboración para esclarecer os feitos.

O petróglifo do Castriño de Conxo foi alterado, aparentemente por un obxecto punzante que eliminou a capa de liques que o cubría e que reavivou algúns dos seus sucos. O concelleiro de Espazos Cidaáns, Dereito á Vivenda e Mobilidade, Jorge Duarte, desprazouse esta mañá ata a zona na compañía da arqueóloga municipal, Dolores Cerqueiro, e do presidente do colectivo A Rula, Luis Lecrere.

Jorge Duarte condenou a agresión ao petróglifo "uns gravados que están incluídos no inventario de xacementos arqueolóxicos da Xunta de Galicia e no Catálogo de Bens Culturais, que merecen a mesma protección que calquera outro elemento patrimonial de Compostela". O concelleiro fixo un chamado á protección e conservación destes elementos, que "queremos poñer en valor a través de iniciativas como o parque Compostela Rupestre".

Compartir: