EDUCACIÓN E CIDADANÍA

As escolas infantís municipais celebraron as Letras Galegas

16/05/2019 As escolas infantís municipais de Conxo, As Fontiñas e Meixonfrío-Salgueiriños dedicaron esta semana a celebrar a festa da familia, a das Letras Galegas e os Maios. Nenos e nenas traballaron en diferentes talleres nos que fixeron manualidades coas que agasallar ás súas familias.

Os pequenos e pequenas da Escola Infantil Municipal de Conxo celebraron o Día das Letras Galegas coa creación dunha alfombra floral, ao tempo que escoitaron cantigas tradicionais galegas. As educadoras e algúns nenos e nenas celebraron este día traendo posto o traxe tradicional galego. Ademais, na entrada da escola tiñan un pequeno photocall para inmortalizar este día coas súas familias.

Na Escola Infantil Municipal das Fontiñas, a conmemoración das Letras Galegas consistiu na creación dun maio. Os nenos e nenas tamén tiveron a visita dun grupo de música tradicional e aprenderon algúns pasos de bailes galegos.

Finalmente, na Escola Infantil de Meixonfrío-Salgueiriños celebraron o día da familia, coa visita ao centro dun grupo de avós e avoas do Centro de Día do Milladoiro. Os pequenos e pequenas decoraron dous lenzos –un para o Centro de día e un para a Escola- como lembranza desta xornada. E para conmemorar as Letras Galegas, fixeron unha alfombra floral e escoitaron cantigas tradicionais galegas.

Compartir: