DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A quinta edición da Maker Faire Galicia celebrarase a principios de xullo e amplía a cinco as súas xornadas

15/05/2019 A nova edición da Maker Faire Galicia vén con dúas novidades: celebrarase a principios do verán e, debido ao éxito das anteriores, pasará de 3 a 5 días de duración, ampliando as xornadas profesionais de unha a tres xornadas.

A Maker Faire é a maior feira de inventores do mundo, un escaparate para a creatividade e o enxeño, pensado para tódolos públicos e disciplinas: gastronomía, robótica, mecánica, ciencia, arte urbana, música, electrónica, artesanía, etc. Un lugar para compartir coñecemento, descubrir proxectos fascinantes e facer contactos profesionais.

Este ano, o evento celebra a súa quinta edición, consolidándose como a máis importante da Península, tanto en número de makers como de asistentes, e situándose entre as cinco con máis visitantes de Europa, despois de grandes cidades como Roma e París. Ao igual que na edición anterior, a Maker Faire Galicia volve contar co patrocinio da Fundación Cidade da Cultura de Galicia, que acolle tamén o evento no Gaiás, e do Concello de Santiago, a través do programa Compostela Móvese.

Durante as pasadas edicións acudiron máis de 44.000 asistentes e ao redor de 750 makers expuxeron os seus proxectos, converténdose en punto de encontro dos mellores creadores e creadoras da tanto a nivel nacional coma internacional.

Tres xornadas profesionais e fin de semana para o público
As tres xornadas enfocadas ao público profesional centraranse en temáticas clave para o futuro da industria e a innovación como: mobilidade, enerxía, intelixencia artificial, robótica, ciberseguridade, open data ou emprendemento. Ademais, a xornada do venres contará cun xurado especializado que outorgará premios aos proxectos mais innovadores presentados polos makers durante esa semana: 1.000 €, 500 € e 250 €.

Crear unha contorna idónea para realizar contactos profesionais de calidade, presentar proxectos disruptivos e poñerse ao día no mundo da innovación na industria son os obxectivos principais destas xornadas, que se celebrarán o 3, 4 e 5 de xullo do 2019 no edificio CINC da Cidade da Cultura de Santiago.

A fin de semana, o sábado 6 e o domingo 7 de xullo, abriranse as portas do Museo Gaiás para o público xeral, cunha programación para nenos, familias e maiores que contará con obradoiros, charlas, actuacións ou campionatos entre outras moitas actividades programadas e que buscan sorprender aos visitantes.

Xa está dispoñible na súa páxina web, galicia.makerfaire.com, o formulario de inscrición de proxectos tanto para a xornada profesional como para a xornada xeral. O prazo remata o 31 de maio, e de tódalas propostas achegadas farase unha selección final que se incluirá no programa de actividades e contidos desta edición de 2019. A innovación, a orixinalidade e a interactividade co público son os aspectos que máis se valorarán á hora de elixir os proxectos finais. Ademais, durante o evento, o público poderá votar os mellores proxectos seleccionados. As categorías premiadas nas xornadas abertas serán as de Maker, Minimaker (proxectos realizados por nenas e nenos menores de 14 anos), Maker Senior (para creadoras e creadores maiores de 60 anos) e proxectos de divulgación (colexios, institutos, asociacións, universidades, FPs, etc.).

Coa Semana Maker e da Industria 4.0 búscase espallar o Movemento Maker, explorando a súa aplicación na industria, e que medre a inquietude por innovar, xerando un punto de contacto para compartir coñecemento entre todos os públicos.

Direcciones relacionadas



Compartir: