PATRIMONIO

O Grupo de Cidades Patrimonio presenta a súa oferta turística, patrimonial e cultural en Moscova

14/05/2019 Preto de 80 axentes de viaxes e medios de comunicación de Moscova asistiron onte á presentación da oferta turística e patrimonial das 15 Cidades Patrimonio da Humanidade de España, nun acto que contou co embaixador na capital rusa, Fernando Valderrama; a representante da Consellería de Turismo de España en Moscova, Tatiana Dokuchaeva, así como unha delegación do Grupo de Cidades Patrimonio encabezada polo presidente do Grupo e alcalde de Cuenca, Ángel Mariscal, xunto co alcalde de Ávila, José Luis Rivas.

No acto celebrado na residencia do embaixador, o presidente do Grupo destacou que "somos 15 cidades irmandadas pola marca de excelencia común UNESCO, pero, ao mesmo tempo, cidades moi diferentes que ofrecemos unha gran diversidade, xa que representamos a esencia da cultura e da historia de España e de Europa".

Tras sinalar que "España é o segundo destino favorito dos rusos nas súas saídas ao estranxeiro e en 2018 visitáronnos 1.200.000 turistas, cun interese crecente no turismo cultural, urbano e de lecer", Ángel Mariscal puxo o acento en que as 15 Cidades Patrimonio constitúen "destinos culturais únicos no mundo, que estamos seguros resultarán moi atractivos para os viaxeiros procedentes da Federación de Rusia".

Neste sentido, subliñou a boa comunicación e ligazóns; a calidade dos aloxamentos, onde se inclúe a oferta de Paradores de Turismo, así como a variada gastronomía dos 15 destinos, sen esquecer a oferta de turismo activo, natureza ou as compras, así como a hospitalidade e amabilidade dos residentes nas 15 cidades.

Mariscal convidou aos/ás preto de 80 asistentes ao evento, entre axentes de viaxes e medios de comunicación, a descubrir estes destinos co filme "As cidades que amamos", onde se pon en evidencia que "se trata de cidades moi vivas, que conservan as súas tradicións e estilo de vida, valores moi importantes e que cada vez aprecia máis o viaxeiro".

Na axenda desta viaxe inclúese un segundo acto no Instituto Cervantes de Moscova, que leva por título "15 Xoias de España. Cidades Patrimonio da Humanidade".

O mercado ruso
Segundo as cifras que baralla Turespaña, no ano 2018 visitaron España un total de 1,2 millóns de turistas rusos, un 6,3% máis que o ano anterior. O seu gasto incrementouse tamén un 3,4%, mentres que as pernoitas hostaleiras, que rozaron os 4,8 millóns, mostraron un descenso do 1,2%.

Os gastos medios por persoa e día ascenderon a 1.539 e 172 euros, respectivamente, e sitúanse entre os máis altos do ámbito europeo. Tamén a estancia media, de 9 noites, destaca por ser a segunda máis prolongada de entre todos os mercados emisores, só por detrás de Noruega.

O mercado ruso é especialmente interesante porque a súa poboación cada vez viaxa máis. Segundo o Servizo de Estatísticas de Rusia (Rosstat), no período xaneiro-setembro de 2018, as viaxes ao estranxeiro rexistraron un crecemento do 6,3%. España é o terceiro país ao que máis viaxan, cunha cota do 2,5%, só por detrás de Turquía e Italia, e por diante de países como Grecia, Tailandia e Chipre.

Compartir: