MERCADOS E DESENVOLVEMENTO ECONÓMICO

A Praza de Abastos lanza a campaña "Na porta da túa casa" para potenciar os pedidos a domicilio

09/05/2019 As concelleiras de Desenvolvemento Económico e Mercados, Marta Lois e Noa Morales, e a xerenta da Praza de Abastos, Marta Rey, deron conta hoxe da nova campaña posta en marcha polo Mercado para potenciar os pedidos a domicilio.

"Na porta da túa casa" é unha acción de marketing directo mediante a cal se van repartir 45.000 folletos nun radio de 15 km, co gallo de amosar as posibilidades de compra que ten a día de hoxe a Praza, "unha das referencias da nosa cidade en materia de tradición, pero que soubo estar á vangarda e aproveitar as novas tecnoloxías e as novas formas de mercar", segundo sinalou Noa Morales.

O Mercado de Abastos ofrece tres formas distintas de compra non presencial, ben vía telefónica en horario de 8:00 a 14:00 horas no 981 583 438, unha opción que permite mercar a cada un dos comerciantes ou á oficina. A segunda opción é a través da páxina web ou por correo electrónico, e a terceira incorpora a posibilidade de facelo vía personal shopper, que fará a compra segundo os gustos e preferencias das persoas usuarias.

En 15 km
A entrega a domicilio dos produtos da Praza faise ata nun radio de 15 km dende o mercado. O servizo é gratuíto a partir de 60 euros de compra entre todos os postos e, de non chegar a ese mínimo, increméntase o prezo en 2 euros.

Compartir: