EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Alumnado de Vila Real (Portugal) conclúe a súa estancia en Compostela

07/05/2019 Este mércores conclúe o programa de actividades do alumnado do CEIP López Ferreiro co alumnado de Vila Real (Portugal) no marco dos programas de intercambio do Eixo Atlántico.

O alumnado de Vila Real chegou a Compostela este luns. Tras a recepción no CEIP López Ferreiro, o grupo realizou un percorrido polo casco histórico e visitou a Catedral. Pola tarde, os/as escolares participantes neste intercambio foron recibidos no Pazo de Raxoi polo concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios.

Na xornada de hoxe martes houbo visitas guiadas á Cidade da Cultura e aos centros de interpretación do Castro Baroña e das dunas do Vilar (Riveira). Este último día, o alumnado ten previsto visitar o Museo do Pobo Galego e o Museo Pedagóxico de Galicia.

Programa de intercambios do Eixo Atlántico
Grazas ao programa de intercambios do Eixo Atlántico preténdese que os mozos e mozas poidan coñecer e valorar o patrimonio das cidades e vilas que integran esta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 por cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A Presidencia deste Grupo Temático de Educación recae dende o 15 de novembro de 2016 no concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, mantendo periodicamente reunións de traballo nas que se estudan diferentes propostas educativas, como a Mostra Musical do Eixo Atlántico ou os Encontros Pedagóxicos.

Compartir: