ALCALDÍA

Concello e USC colaboran nunha mostra que amosa "como ven a cidade os visitantes e como nos vemos nós mesmos"

03/05/2019 Xa se pode visitar, no paseo da Ferradura, a exposición A cidade, o Camiño e nós, organizada pola Rede Galabra da Universidade de Santiago e o Concello compostelán. O alcalde, Martiño Noriega; o reitor da USC, Antonio López, e o director da Rede Galabra, Elías Torres, abriron hoxe a mostra "que amosa a evolución que sufriu a cidade nos últimos anos, no xeito en como nos ven os visitantes e no xeito no que a cidadanía de Compostela percibe o turismo".

A exposición aberta hoxe é a primeira de catro mostras que teñen como obxectivo divulgar os resultados da investigación liderada pola USC, sobre as imaxes, as ideas, os discursos e as prácticas culturais construídas en relación a Compostela e aos Camiños de Santiago. A exposición forma parte dun convenio de colaboración asinado entre o Concello e a Universidade de Santiago co obxectivo de coñecer as prácticas culturais da propia veciñanza de Compostela, pero tamén dos milleiros de persoas que nos visitan, unha información moi valiosa para o planeamento da cidade en termos culturais e sociais.

Unha exposición central, tres mostras sectoriais
A exposición recolle unha síntese dos resultados da investigación que a Rede Galabra está a realizar dende o ano 2008, implicando a persoas de nove universidades diferentes para analizar as imaxes e as prácticas referenciadas en Santiago tanto dos propios habitantes da cidade como dos seus visitantes. No referido a visitantes, a investigación centrouse nas persoas procedentes de Portugal e Brasil, por seren os primeiros países europeo e non europeo en número de visitantes.

A exposición mostra a transformación de Santiago dende o inicio dos anos 90, motivada por distintos factores entre eles a actividade turística vinculada ao Camiño de Santiago, que supuxo cambios nos hábitos de vida, nos usos do espazo público, pero tamén na actividade cultural e social. Faino a través dun total de 28 paneis, nos que se atenderá á nova narrativa sobre Santiago, mostrase como a propia cidade se ve a si mesma, como nos ven as persoas que nos visitan, e como vemos nós a quen nos visita.

Ademais, haberá tres exposicións sectoriais, centradas noutros tantos núcleos temáticos: perspectiva de visitantes, perspectiva de habitantes e actividade comercial. Estas exposicións poderanse visitar nos centros cívicos de Compostela, "e noutros espazos referenciais". Ao abeiro da colaboración que manteñen o Concello e a Rede Galabra da USC está previsto que se poñan en marcha outras actividades de divulgación e participación. Así, haberá mesas redondas nas que estarán representantes veciñais, colectivos de comerciantes e partidos políticos.

Compartir: