ALCALDÍA

Nace o ciclo "Primavera Jazz", con 15 concertos na zona vella e no Ensanche do 8 ao 12 de maio

03/05/2019 A música jazz volve a Santiago cun festival no que participarán un total de 15 artistas, entre os días 8 e 12 de maio. Trátase do Primavera Jazz, un proxecto impulsado dende o Concello que conta coa colaboración da Asociación Veciñal Raigame, do Ensanche, e da Asociación Cultural Cidade Vella. E é que unha das características deste ciclo é que aposta por programar tanto na améndoa histórica como na zona nova de Compostela.

O alcalde, Martiño Noriega, presentou o ciclo Primavera Jazz nunha rolda de prensa na que tamén participaron Xosé Manuel Durán, da Asociación Veciñal Raigame; e Ánxeles Porto, das Asociación Cultural Cidade Vella. O alcalde mostrou a súa satisfacción por poder materializar este programa "dobremente satisfactorio, porque nos achega un cartel de primeirísimo nivel, con artistas e formacións recoñecidos pola crítica e polo público, pero que tamén ten a particularidade de ser un proxecto de cidade, que chega á zona vella e ao Ensanche co aval de estar apoiado por entidades desas dúas partes de Compostela".

Na mesma liña pronunciáronse tanto Ánxeles Porto como Xosé Manuel Durán. Para Cidade Vella, "é moi satisfactorio poder participar nun proxecto compartido, que permite pensar en Compostela unindo sensibilidades e formas diversas de entender a cidade". Ánxeles Porto tamén salientou o vínculo de Santiago co jazz, "un estilo que palpita nas nosas rúas dende hai trinta anos, cun centro, a Escola Estudio, da que saíron músicos e músicas de gran nivel, e con público cultivado neste xénero".

Pola súa parte, Xosé Manuel Durán explicou que a participación neste proxecto "encádrase no obxectivo de Raigame de revitalizar a vida de barrio do Ensanche". Tamén mostrou o seu convencemento de que Compostela "tiña unha débeda co jazz, porque supón moito no imaxinario da cidade, pero non tiñamos ningún evento específico sobre este xénero"

Zona Vella
O Primavera Jazz arrancará na zona vella. O groso das actuacións na cidade histórica serán na praza da Quintana. Alí tocarán David Regueiro Trío e Xacobe Martínez Antelo Trío o 9 de maio; e Da Silva, Salgueiro, Pazos Trío, Pablo Castaño Quartet e Simón García Quartet, o 10 de maio.

Haberá tamén concertos en espazos pechados como o Pub Borriquita de Belem, onde se abrirá o ciclo coa actuación de Manuel Gutiérrez Trío o 8 de maio; e a Casa das Crechas, con Marcos Pin Trío e Nancy Rodríguez o 10 de maio, e Sumrrá o 12 e maio.

Ensanche
Os días 11 e 12 de maio, o Primavera Jazz trasládase ao Ensanche, coa praza Roxa como epicentro do ciclo. Por aí pasarán The Swinging Flamingos, Abe Rábade e Alejandro Vargas Trío o día 11 de maio, no que tamén está prevista a actuación de Paulo Silva Trío no Bar Galopín.

Ao día seguinte, no 12 de maio, na praza Roxa tocarán Transversal Art Ensenble e Valentín Caamaño Quartet. Antes, o día 9, haberá unha pequena incursión do festival na zona nova, coa actuación de Pablo Sax Trío no Rock Café.

Coincidindo co ciclo Primavera Jazz, o 11 de maio celebrarase tamén o Desfile de Primavera do Ensanche. Será na praza Roxa, a partir das 12:00 horas, coa participación de 25 establecementos comerciais da zona nova. O acto estará presentado pola xornalista Belén Xestal.

Documentos relacionados



Compartir: