ALCALDÍA

Moita música e actividades literarias na xornada do sábado da Festa do Banquete

03/05/2019 Este sábado 4 de maio continúan as actividades da II edición da Festa do Banquete. O programa da xornada inclúe un roteiro, unha mesa redonda, un concerto e a Festa da Poesía, ao que hai que unir todas as actividades en torno ao Mercado do Libro e da Artesanía.

A xornada do sábado abrirase cun roteiro botánico e histórico polo Bosque do Banquete de Conxo guiado polo biólogo Martín Souto e polo escritor e editor Henrique Alvarellos. Será a partir das 11:30 horas. Pola tarde, a partir das 17:00 horas, o Centro Cívico de Conxo acolle unha mesa redonda sobre o movemento veciñal en Santiago, con Lois Ferradás (Castiñeiriño), Mercedes Vázquez (San Pedro), Cruz Vázquez (Ferusa) e Adri Pérez (rúa de Baixo).

Xa cara ás 19:00 horas, a Coral do Psiquiátrico de Conxo, a Coral de Amigos do Castiñeiriño e o Coro de Habaneras Rocha Forte ofrecerán un concerto na escalinata do Hospital Psiquiátrico, xusto antes de que a praza de Aurelio Aguirre acolla a Festa da Poesía, conducida por Carlos Meixide e coa participación de Alba María, Flow do Toxo, Berta Dávila, Os Tres Pés e Oriana Méndez.

Mercado do Libro e da Artesanía
A do sábado será tamén a primeira xornada do II Mercado do Libro e da Artesanía, instalado na praza de Aurelio Aguirre (diante do Centro Cívico de Conxo). Estará aberto de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:30 horas, coa participación de 19 expositores: dez librarías de Compostela e nove obradoiros de artesanía procedentes de diferentes partes de Galicia.

Pero ademais da exposición e venda, o Mercado terá diversas actividades, coma os xogos populares no horario do mercado. Ademais, ás 12:00 horas estrearase o documental Pacto de irmaos. Os primórdios da lingua no Centro Cívico de Conxo e, media hora máis tarde, haberá a primeira sinatura de libros a cargo da ilustradora de libro infantil Blanca Millán no stand da Librería Palacios. Ás 13:00 horas, Os Quinquilláns ofrecerán o seu espectáculo de monicreques que leva por nome De Carral a Conxo e, ao remate, Trópico de Grelos ofrecerá unha batucada en sesión vermú.

Xa pola tarde (ás 18:00 horas), o escritor Martiño Suárez asinará exemplares do seu libro Bestiario do vestiario, segundo tempo no Espazo Editorial Carlos Meixide. Ás 18:30 horas será a quenda da presentación do xornal Novas da Galiza, unha experiencia xornalística dende abaixo, con Charo Lopes e Xoán Sampedro, de Chan da Pólvora Libraría. A xornada rematará coa conferencia "A Galicia de Chané", de Sixto Gómez, e co concerto de Os Novos ás 19:30 horas.

Gastronomía
Ademais, segue aberta a posibilidade de degustar platos de cabra en diversos restaurantes da cidade: Pulpería Fuentes, Paz Nogueira, Los Caracoles, O Muiñeiro, A Nave de Vidán, Don Quijote, Pazo de Altamira, Sexto II, María Castaña, Mesón de Lázaro, San Jaime, Pampín, Caney, Amoado, A Ostrería e Frebas.

Direccións relacionadas



Compartir: