XUNTA DE GOBERNO

Aprobadas melloras no alumeado público en varios puntos de Compostela

03/05/2019 A Xunta de Goberno autorizou hoxe a realización de actuacións de modernización e ampliación do alumeado público en diversos puntos de Compostela. A empresa adxudicataria do servizo, Ferrovial, encargarase das melloras, ás que se destinarán algo máis de 20.000 euros.

As actuacións que se levarán a cabo suporán melloras no alumeado do Cancelón de Sar, onde se investirán 4.500 euros; no Outeiro de Sar, con melloras orzamentadas en preto de 6.000 euros, e nas prazas de Vigo, Ponte Castro e Fonte de Romero Donallo, cun gasto estimado de case 10.000 euros.

Cacharelas de San Xoán
O Goberno tamén lle deu hoxe luz verde ás normas de seguridade para a celebración das cacharelas da noite de San Xoán. As persoas, organizacións e comunidades deberán presentar a solicitude no Rexistro Xeral do Concello dende o 27 de maio ata as 14:00 horas do 10 de xuño. Os particulares tamén poderán facer a súa comunicación a través da páxina web do Concello do 1 ao 15 de xuño.

As cacharelas estarán prohibidas na praza do Obradoiro, Quintana, Toural, Praterías, San Martiño Pinario, Cervantes, Inmaculada, Mazarelos, San Miguel, Irmán Gómez e San Agustín. Todas as cacharelas celebradas nos espazos públicos serán inspeccionadas previamente tanto pola Policía Local como polos Bombeiros, para asegurar que cumpran os requisitos esixidos en canto a volume, separación entre árbores e edificios e pavimento. Na zona urbana, o volume do combustible da cacharela non superará os 2 metros de diámetro e os 6 de perímetro, nin o metro de altura. Na zona rural, non se sobrepasarán os 3 metros de diámetro ou 9 de perímetro. Cando as cacharelas se fagan sobre terreos de uso público lousados, protexerase o pavimento cunha capa de area de 10 centímetros.

A separación entre as cacharelas, edificios, árbores, vehículos e mobiliario urbano será como mínimo de 12 metros, excepto no casco urbano. Como é habitual, estará prohibida a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites e, en xeral, calquera substancia que desprenda fume tóxico. Ao rematar a cacharela, os organizadores aseguraranse de que non quedan cinzas acendidas, e terán a obriga de limpar o espazo utilizado para a actividade.

Convenios de colaboración
Na Xunta de Goberno de hoxe tamén se aprobaron convenios de colaboración entre o Concello e diversas entidades. Así, recibiu luz verde o acordo co Museo do Pobo Galego, que suporá unha achega municipal de 30.000 euros; e o acordo coa asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí, por 8.000 euros.

Do ámbito das Políticas Sociais, aprobáronse convenios coa Asociación Fonte da Virxe (3.500 euros), ACADAR (3.000 euros), ASPANAES (3.000 euros), Fundación Down Compostela (10.000 euros), Fundación Andrea (3.000 euros), ACEM (9.000 euros), Cociña Económica de Santiago (60.000 euros), Cáritas Diocesana de Santiago (100.000 euros), FEAFES Galicia (60.000 euros), Asociación de Dano Cerebral Sarela (3.000 euros), Escola de tempo libre Don Bosco (5.000 euros), Cáritas Diocesana de Santiago-Vagalume (30.000 euros) e Fundación USC Deportiva (9.000 euros).

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: