ALCALDÍA

Aberta na Alameda a mostra fotográfica "Terra de soños", de Cristina García Rodero

12/04/2019 A Alameda acolle ata o vindeiro 8 de maio a exposición Terra de soños, de Cristina García Rodero. A mostra, organizada por "la Caixa" en colaboración co Concello de Santiago e a Fundación Vicente Ferrer, reúne 40 fotografías que reflicten a vida cotiá dos habitantes de Anantapur, no estado de Andhra Pradesh, unha das zonas máis pobres da India, onde viven as comunidades máis marxinais e vulnerables do país.

O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou na inauguración da exposición xunto a Antonio Lema, director de Área de Negocio de CaixaBank en Santiago de Compostela; Juan Lledó, responsable captación de fondos da Fundación Vicente Ferrer; e Cristina García Rodero, fotógrafa e comisaria da exposición.

Terra de soños móstranos a singularidade e a asimetría do mundo rural da India. É a chave de acceso á India máis descoñecida, un mapa social no que as sombras recuperan a vida. Un escenario no que se confunde o pasado co presente, o natural co sobrenatural e o fantástico. A través das fotografías realizadas pola consagrada fotógrafa Cristina García Rodero, a exposición quere darlles voz ás mulleres das comunidades rurais de Anantapur (Andhra Pradesh) e poñer de relevo o seu poder de transformación das comunidades nas que viven. Obstinada e desmedida, Cristina García Rodero soubo somerxerse nese mundo, fundirse na alegría e sufrimento dos que agochan con cor e galanura os clarescuros da súa propia existencia.

A exposición forma parte do programa Arte na rúa, a través do que "la Caixa" quere achegar a arte ás persoas fóra do marco habitual dos museos e as salas de exposicións. Neste marco e froito do traballo que levan desenvolvendo conxuntamente "la Caixa" e a Fundación Vicente Ferrer na India, convidouse a Cristina García Rodero a documentar as condicións de vida das comunidades de Anantapur.

Durante un mes e medio, García Rodero visitou hospitais, centros de acollida de mulleres vítimas de malos tratos, talleres, escolas e casas, logrando retratos que lle dan voz a aquelas persoas a miúdo esquecidas: nenos e nenas, persoas con discapacidade e, moi especialmente, mulleres. Nais, campesiñas, costureiras, noivas de distintas confesións, profesoras, enfermeiras e estudantes, teñen un papel destacado neste proxecto, que representa un dos principais motores de transformación das comunidades de Anantapur

Cristina García Rodero
Cristina García Rodero é unha figura tutelar da fotografía universal, tanto pola súa personalidade como pola repercusión nacional e internacional da súa obra. Nacida en Puertollano (Cidade Real) en 1949, licenciouse en Belas Artes pola Universidade Complutense de Madrid. Primeira española en entrar na prestixiosa axencia fotoxornalística Magnum, entre os seus traballos destaca España oculta, que forma parte da Colección "la Caixa", de Arte Contemporánea.

Ten recibido numerosos premios, entre eles os World Press Photo 1993, Premio Nacional de Fotografía 1996, FotoPres "la Caixa" 1997, PhotoEspaña 2000, Premio Godó de Fotoperiodismo 2000, as medallas de ouro ao Mérito nas Belas Artes 2005 y de Castela-A Mancha 2016, e recentemente o premio PhotoEspaña 2017. É a primeira fotógrafa española en ter un museo propio, na súa cidade natal.

Visitas guiadas
Haberá visitas guiadas para o público en xeral os sábados ás 18:00 e os domingos ás 12:00 horas, sen reserva previa. As visitas escolares realizaranse de luns a venres, de 9:30 a 13:30 e de 16:00 a 18:00 horas. Tamén se poden reservar visitas de grupos, con cita previa, chamando ao 900 801 137.

Compartir: