MEDIO AMBIENTE

Aberto o prazo de adxudicación ou renovación de 176 hortas urbanas

02/04/2019 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia deu conta hoxe do inicio do procedemento de renovación das concesións de uso das hortas urbanas de Belvís de Arriba, A Almáciga, Caramoniña e Brañas de Sar, e para as adxudicacións das novas hortas de Santa Marta-Conxo-Volta do Castro. Xan Duro lembrou que Compostela terá máis de 300 parcelas ao dispor da cidadanía, en canto estean acondicionadas as de Campo das Hortas.

O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que ata o 12 de abril estará aberto o procedemento de renovación das concesións de uso dun total de 138 hortas en Belvís de Arriba (31), A Almáciga (32), Caramoniña (21) e Brañas de Sar (54). Posteriormente, dende o 15 ao 30 de abril, estará aberto o prazo para a adxudicación do uso das 38 parcelas de Santa Marta-Conxo-Volta do Castro, que "veñen de incorporarse á rede de hortas urbanas de Compostela, a través dunha proposta gañadora no proceso de Orzamentos Participativos Compostela Decide". Ademais, Xan Duro adiantou que "xa se está rematando o acondicionamento das hortas de Campo das Hortas, onde haberá outras 53 parcelas cunha superficie total de máis de 4.100 metros cadrados".

Trámite de inscrición
As persoas interesadas en renovar as súas concesións deben presentar no Rexistro Xeral do Concello a instancia correspondente e unha copia do seu DNI. No caso das novas adxudicacións de Santa Marta-Conxo-Volta do Castro é preciso presentar tamén o documento acreditativo da condición de persoa xubilada ou prexubilada, "posto que estas persoas teñen preferencia nas adxudicacións das parcelas, segundo a ordenanza en vigor, seguidas das persoas veciñas da contorna das hortas e das persoas veciñas de calquera outro barrio de Santiago".

As concesións iniciais fanse por un prazo de dous anos, e poden prorrogarse anualmente ata un máximo de catro anos.

Case 300 hortas urbanas
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia incidiu en que Santiago contará con case 300 hortas unha vez estean rematados os traballos en marcha para acondicionar as 53 parcelas de Campo das Hortas. Xan Duro lembrou que as primeiras hortas foron as 30 de Belvís de Arriba, que se puxeron ao dispor da veciñanza en 2008. Posteriormente chegaron as 26 de Belvís de Abaixo e as 39 de Fontiñas. Ao longo deste mandato acondicionáronse 32 parcelas na Almáciga, 21 en Caramoniña, 54 en Brañas de Sar, e 38 en Santa Marta-Conxo-Volta do Castro. A estas hai que engadir as 53 de Campo das Hortas.

Compartir: