ACCIÓN CULTURAL E IGUALDADE

Aberta a caixa de Pandora das violencias machistas

28/03/2019 A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, participou na acción organizada polo colectivo Caixa de Pandora no triángulo instalado na praza Roxa con motivo do 8 de marzo. Abriuse así un período de oito horas (de 12:00 a 20:00 h) no que mulleres da cultura lerán as mensaxes que o público deixou escritas na instalación aberta o 1 de marzo, converténdose así en altofalantes das experiencias e denuncias da xente.

O triángulo Contra as violencias machistas instalouse por primeira vez en novembro no Obradoiro. Durante a semana do 25N, o público escribiu máis de mil mensaxes, expresando esperanza de rematar coa violencia machista ou experiencias persoais.

"Ogallá o tempo sane as miñas feridas", "Sororidade", "Soy una mujer muy joven, he llegado a santiago caminando sola durante 50 días, 1.161 Km y no tuve miedo. Sé los peligros que corría, pero también sé que todas somos capaces", "Ser una buena persona es ser feminista", "Non á violencia de xénero, David 8 anos", "89 feminicidios en España. Non son mortas, son asasinadas"… Estas son algunhas das moitas tarxetas que enchen o triángulo.

La Caja de Pandora
La Caja de Pandora naceu no 2017 como plataforma de apoio e coidados en resposta aos abusos sexuais sufridos por unha artista en Alacante. A partir desta denuncia organizáronse en diferentes lugares colectivos de mulleres de diferentes ámbitos da cultura. En Galicia organizouse a primeira reunión en setembro dese mesmo ano e, dende entón, ten participado de diferentes accións denunciando os abusos que mulleres artistas sofren no sector da cultura.

Compartir: