ACCIÓN CULTURAL

Valérie Massadian visita Numax para participar no ciclo "A cor das palabras" e presentar a súa filmografía

27/03/2019 O cinema Numax recibe a vindeira fin de semana a visita dunha das cineastas máis prestixiosas do país veciño. Valérie Massadian ofrece o domingo 31 de marzo o encontro A cor das palabras, organizado polo Concello de Santiago, e presentará domingo e luns os seus dous filmes máis emblemáticos: Nana e Milla.

Baixo o título "Traballar co vivo", Valérie Massadian ofrecerá un encontro co público da sala no que explorará as inquedanzas, influenzas e o pensamento que determinan o seu proceso creativo. "Filmar é enfrontarse ao que está vivo, pouco importa que o que construamos sexa a través da ficción ou do documental, diante de nós todo está vivo", afirma Valérie Massadian.

Esta nova entrega do ciclo A cor das palabras. Encontros con cineastas, organizado polo Concello de Santiago e o cinema Numax terá lugar o domingo 31 de marzo ás 11:30 horas, con acceso gratuíto ata completar aforo. Pódese reservar localidade no correo acordaspalabras@santiagodecompostela.gal.

O propio domingo 31 arranca o Foco Valérie Massadian coa proxección da súa opera prima, Nana e, xa o luns 1 de abril, Milla, ambas con presentación e coloquio da cineasta. Nana relata as descubertas dunha nena de 4 anos que un día se atopa sóa fronte a natureza. Foi galardoada en Locarno (Mellor Opera Prima) e Valdivia (Mellor Filme) entre outros prestixiosos festivais. Milla supuxo a confirmación internacional do talento de Massadian, coa historia dunha parella moza que, sen apenas medios, ten que afrontar o día a día. A súa singularidade valeulle a Massadian para acadar galardóns en Doclisboa (Mellor Filme), Lanzarote (Premio do Xurado) ou Locarno (Premio Especial do Xurado Cineastas do Presente).

Valérie Massadian
A cineasta francesa de orixe armenia Valérie Massadian (1972) dáse a coñecer no mundo da fotografía da man de Nan Goldin, de quen foi axudante, e no campo do cinema como directora de arte do cineasta independente François Rotger. Influenciada polo cinema de Pedro Costa e, nomeadamente, por No cuarto de Vanda, que segundo a directora mudou a historia do cinema, estréase na dirección con Nana, conto infantil hiperrealista protagonizado por unha nena que descobre o mundo. Unha "auténtica obra de arte" (Cine Maldito) premiada en festivais como Locarno ou Valdivia.

A consagración internacional chégalle a Massadian en 2017 con Milla, historia de amor cru e antirromántico, protagonizada por unha parella moza que vive o día a día con escasos recursos pero a determinación de cambiar o mundo e saír adiante. O aluvión de premios recibidos dá boa conta da singularidade creativa da cineasta.

Compartir: