CONSORCIO

A Casa do Cabido acolle unha exposición de fotografías protagonizadas polas mulleres do Mercado de Abastos de Santiago

26/03/2019 A Casa do Cabido acolle a exposición Elas, retrato dun mercado, que reúne instantáneas realizadas polo fotógrafo Manuel Blanco ás mulleres do Mercado de Abastos de Santiago. A mostra está impulsada polo Consorcio de Santiago e as concellarías de Acción Cultural e Mercados do Concello de Santiago. Esta mañá inaugurábaa o alcalde e presidente do Consorcio da cidade, Martiño Noriega. Ao acto asistiron, ademais do propio fotógrafo, a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra; a xerente do Consorcio de Santiago, Belén Hernández; e o responsable de Exposicións do organismo, Juan Conde.

Esta mostra aglutina un total de 40 fotografías, dúas delas en branco e negro e as demais en cor. O fotoxornalista compostelán Manuel Blanco foinas captando ao longo de dezaoito anos. Comezou este proxecto en 2001 e durante todo este tempo logrou reunir unha boa cantidade de material que logo seleccionou "dun xeito natural, sen metodoloxía definida máis aló do instinto e a necesidade de perpetuar un legado primitivo de beleza". Así, manifesta que "o propósito principal desta exposición é poñer en valor á muller tradicional galega, tomando como referente ás mulleres que venden os seus produtos no Mercado de Abastos de Compostela".

Tal como indica o autor das instantáneas, "estas imaxes compoñen un álbum familiar, unha galería de emocións que sorrín nun mesmo lugar. Cada unha delas mostra un retrato instrumentado desde a complicidade entre un espazo, un fotógrafo e elas, as grandes protagonistas". A exposición amósanos, en palabras da xerente do Consorcio, Belén Hernández, "miradas curiosas que nos descobren cousas novas".

Esforzo titánico destas mulleres dentro e fóra da casa
O autor sinala que o Mercado de Abastos como contedor, como monumento, xa está suficientemente recoñecido. "Agora o protagonismo é para todas esas mulleres que, na súa maioría, traballan a terra, atenden os seus fillos e mesmo os seus netos, traballan na casa e, ademais, desprázanse ata Santiago para venderen os seus produtos. É un esforzo titánico dentro e fóra da casa, dentro e fóra da praza", salienta.

Na exposición poden contemplarse sobre todo retratos, que serven para poñerlle cara a unha realidade que, segundo o fotógrafo, "parece que vai mudando pouco a pouco". Ademais das fotografías, na mostra exhíbese un vídeo con imaxes e comentarios das protagonistas, que falan da súa realidade, do seu día a día, o que nos permite achegarnos un pouco máis a elas.

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, declarou: "Queriamos facerlle unha homenaxe ás mulleres traballadoras da Praza de Abastos. E a través desta iniciativa amósase o poder feminino no espazo público. É un recoñecemento xusto a todas as mulleres traballadoras da nosa cidade".

Pola súa parte, o alcalde salientou que "o noso mercado é un lugar de encontro e de vida. Esta exposición pon de relevo ás mulleres bravas e loitadoras da cidade, do país, e a tradición do mercado como epicentro de Compostela. É unha reivindicación da cuestión de xénero, imprescindible nestes tempos".

O fotógrafo
Manuel Blanco traballou durante dúas décadas como fotoxornalista no periódico El Correo Gallego e como operador de cámara en Correo TV, así como na revista Celtics, entre outras publicacións. Ao longo da súa traxectoria ten realizado varias exposicións e recibido diferentes galardóns en certames fotográficos. Na actualidade dedícase ao fotoxornalismo de viaxes e á realización de reportaxes de corte internacional.

Ata principios de maio
A exposición permanecerá na Casa do Cabido ata principios do vindeiro mes de maio. Poderá visitarse de martes a sábado de 10:00 a 14:00 e de 16:00 a 20:00 horas (o 2 de abril comeza o horario de verán: de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 21:00 horas); e os domingos de 11:00 a 14:00 horas. Os luns, a Casa do Cabido está pechada ao público.

Compartir: