ALCALDÍA

O Xardín das Pedras que Falan incorpora cinco novos autores e autoras

18/03/2019 O Xardín das Pedras que Falan lembra dende hoxe a cinco novos autores e autoras. Trátase de Marta Pessarodona, Kerstin Hensel, Zéno Bianu, Bernardo Atxaga e Ramón María del Valle-Inclán. As pedras cos seus textos foron descubertas este mediodía, nun acto presidido polo alcalde, Martiño Noriega; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López, e o autor do proxecto, Suso de Toro.

Xa son nove os autores e autoras lembrados no Xardín das Pedras que Falan. As pedras cos textos de Marta Pessarrodona, Kerstin Hensel, Zéno Bianu, Bernardo Atxaga e Ramón María del Valle-Inclán sumáronse este mediodía ás de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza, coas que se inaugurara o espazo en maio de 2018; e á de Antonio Gamoneda, instalada en xuño do ano pasado. Deste xeito, no Xardín xa se poden ler versos en galego, catalán, euskera, castelán e inglés.

No acto deste mediodía participaron dous dos autores homenaxeados, Zéno Bianu e Bernardo Atxaga; así como Antonio González Millán, director do Museo Valle-Inclán e Xaquín del Valle-Inclán, neto do escritor recordado tamén dende hoxe no Xardín. Nas súas intervencións, Zéno Bianu e Xaquín del Valle-Inclán leron cadanseu poema. Pola súa parte, Bernardo Atxaga explicou a orixe dos versos gravados na pedra dedicada a el que dende hoxe se pode ver no Xardín de Fonseca. O escritor vasco mostrou o seu desexo de que "a pedra que hoxe descubrimos lance a mensaxe de que non podemos ser indiferentes, porque a indiferencia é o que máis axuda á morte no seu labor destrutor".

O alcalde defendeu a "gran carga simbólica desta intervención, que coloca no epicentro da cidade a homes e mulleres que teñen construídos universos literarios diferentes e que teñen unha gran proxección internacional". Martiño Noriega expresou o seu desexo de que a espiral de pedras "imaxinada por Suso de Toro siga medrando nos vindeiros anos, remarcando o carácter de Compostela como cidade literaria".

Compartir: