EDUCACIÓN E CIDADANÍA

Trinta alumnos e alumnas do CEIP López Ferreiro visitarán Vila Real no programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico

18/03/2019 O concelleiro de Educación e Cidadanía, Manuel Dios, deu conta hoxe dos detalles do programa de intercambios escolares do Eixo Atlántico, impulsado polo Concello de Santiago e o de Vila Real. A actividade está dirixida a escolares de 5º e 6º de primaria, e nesta primeira edición participarán 30 alumnos e alumnas do CEIP López Ferreiro. Na rolda estivo o director do centro, José Ramón Carril; a profesora que acudirá aos intercambios, Carmen Montero, e dous escolares, Lara e Xián.

Tal e como indicou o concelleiro, "o obxectivo da actividade é que os nenos e nenas coñezan un pouco máis a cultura portuguesa e, en concreto, a cidade de Vila Real, á que se achegarán a través da mirada dos rapaces e rapazas desa localidade". Tamén se busca achegar o traballo do Eixo Atlántico e da Eurorrexión vivindo durante tres días nunha cidade ou vila que non é a súa. Acudirán á cidade portuguesa os días 20, 21 e 22 de marzo, e o alumnado vila-realense virá a Compostela os días 6, 7 e 8 de maio.

Manuel Dios lembrou que durante o ano pasado "estivemos traballando con outras cidades para definir estes intercambios" e Compostela acolleu durante o pasado mes de abril unha xuntanza de traballo coas cidades de Barcelos, Vila Real, Guimaraes, Matosinhos, Viana do Castelo, Mirandela, Vila Nova de Famalicao, Monforte, Ourense, Ribeira, Vilagarcía, Carballo e A Coruña ademais do propio Eixo e a Eurocidade.

Cada localidade tivo liberdade á hora de escoller que grupo de 30 alumnos e alumnas ía participar no encontro. No caso de Compostela realizouse mediante un concurso escolar sobre o patrimonio, no que o mellor traballo recibiu como premio a visita a Vila Real. No caso do resto de cidades, dous centros da Coruña visitarán Guimaraes e Viana do Castelo, un colexio de Ourense acudirá a Vila Nova de Famalicao e un de Ribeira a Santa María de Feira.

Grazas a este proxecto, preténdese que os mozos e mozas poidan coñecer e valorar o patrimonio das cidades e vilas que integran esta asociación transfronteiriza creada no ano 1992 por cidades de Galicia e do Norte de Portugal.

A Presidencia deste Grupo Temático de Educación recae dende o 15 de novembro de 2016 no concelleiro de Educación e Cidadanía de Santiago, mantendo periodicamente reunións de traballo nas que se estudan diferentes propostas educativas, como a Mostra Musical do Eixo Atlántico ou os Encontros Pedagóxicos.

Compartir: