ALCALDÍA

Asinado o convenio para desenvolver o proxecto da EDAR da Silvouta por diálogo competitivo

15/03/2019 O alcalde, Martiño Noriega, e a directora xeral de Acuaes, Rosa Cobo, asinaron hoxe en Madrid o convenio que permitirá determinar o proxecto de construción da EDAR da Silvouta a través dun proceso de diálogo competitivo. O rexedor expresou a súa satisfacción pola firma do acordo, que "permitirá que se constrúa unha nova depuradora á altura das necesidades de Santiago e na localización da actual EDAR da Silvouta".

O acordo asinado hoxe é o primeira paso para que Acuaes poida iniciar nas próximas semanas o procedemento do diálogo competitivo, a partir do cal se escollerá a empresa que se encargue da redacción do proxecto da EDAR. O diálogo competitivo é unha figura contemplada na Lei de Contratos, pola que o órgano licitador require solucións innovadoras para un problema cuns condicionantes concretos. No caso da depuradora, primaranse solucións que garantan a construción da infraestrutura nos terreos da Silvouta, cuns prazos que permitan acceder aos fondos europeos consignados para a actuación, e cunha solución tecnolóxica innovadora.

O convenio asinado hoxe sinala que será o Concello o que asuma o custo do diálogo competitivo, fixado nun máximo de 450.000 euros. Tal e como explicou o alcalde, "a cifra que achegue o Concello para este proceso será compensada despois no convenio para a construción da EDAR, de xeito que os custos finais para as arcas municipais serán os mesmos".

Compartir: