EDUCACIÓN E CIDADANÍA

O alumnado do Monte dos Postes participa nunha nova sesión de música tradicional no Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes

15/03/2019 O Espazo Educativo e de Lecer María Miramontes acolleu esta mañá outra sesión de concertos de música tradicional que imparten Rosa Sánchez e Pablo Carpintero. Hoxe foi a quenda do alumnado de 5º e 6º de primaria do CEIP Monte dos Postes, que asistiu ao obradoiro ás 10:00 e 11:00 horas. En total participaron preto de 100 nenos e nenas.

Son concertos dirixidos a escolares de entre 10 e 12 anos que teñen como obxectivo achegar a música tradicional aos centros educativos. Os/as escolares poden ver e aprender sobre máis de 40 instrumentos. O ciclo leva por nome "Música e evolución" e quere poñer en valor o patrimonio musical e falar da música como manifestación cultural esencial para os seres humanos. Ademais de ensinarlle os instrumentos, Rosa Sánchez e Pablo Carpintero trasládanlles aos nenos e nenas como foron avanzando os instrumentos tradicionais dende hai miles de anos e tamén tocan e cantan algunhas pezas.

Outro dos centros anotados ao programa é o Apóstolo Santiago, con 35 alumnos e alumnas que se achegarán polo María Miramontes o 22 de marzo, en horario de 12:30 a 13:30 h. O 18 de marzo, de 12:00 a 13:00 h, será a quenda dos escolares de 5º e 6º de primaria do Rodríguez Xixirei de Lavacolla. O 29 de marzo repetirá o Quiroga Palacios, que participa cun total de 71 nenos e nenas de 5º de primaria e 51 de 6º. Pola actividade xa pasaron os alumnos e alumnas do Monte dos Postes e un dos grupos do Quiroga Palacios.

Compartir: