CENTROS CÍVICOS

O Centro Cívico do Ensanche acolle unha exposición de 35 pinturas feitas por artistas coa boca e os pés

14/03/2019 A concelleira de Políticas Sociais, Diversidade, Saúde e Centros Cívicos, Concha Fernández, visitou esta mañá acompañada do director da Asociación de Pintores coa Boca e co Pé en España, Ricardo Charfolé, a exposición elaborada pola Asociación de Pintores coa Boca e o Pé, composta por 35 pinturas.

Trátase dunha mostra itinerante que estará en Compostela ata a primeira semana de abril, en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:30 a 21:30 horas.

Reúne obras pintadas á técnica de témpera, acuarela, óleo, acrílico, cinza, madeira ou técnica mixta, de artistas, con condición de socios ou socias da Asociación de España, Alemaña, Austria, Canadá, Xapón, EEUU, Polonia, Corea do Sur, Taiwan, Suíza, Indonesia, Dinamarca, Francia, Reino Unido ou Grecia. Na exposición predominan os motivos paisaxísticos, aínda que tamén se poden atopar retratos ou obra abstracta.

A Asociación, que naceu a finais dos anos 50 e que na actualidade conta cunhas 900 persoas asociadas, finánciase a través das súas coñecidas postais e calendarios de Nadal que venden en 45 países.

Compartir: