DEPORTE

O Casco Histórico acollerá a V edición da carreira nocturna SantYaGo10K o sábado 4 de maio

14/03/2019 A Concelleira de Deportes, Noa Morales; o residente do Club de Atletismo Fontes do Sar, José Antonio Juanatey; José Lariño Noya, médico especialista en aparato dixestivo e responsable do Comité Científico da Sociedade Española de Patoloxía Dixestiva, e Iván Sanmartín, delegado da Federación Galega de atletismo, presentaron no Pazo de Raxoi a quinta edición da SantYaGo10K, a emblemática carreira nocturna de Santiago, que se celebrará o sábado 4 de maio.

A saída terá lugar ás 22:00 horas, partindo da rúa de San Francisco, e rematará na praza do Obradoiro. O circuíto, de dez quilómetros homologados pola Real Federación Española de Atletismo, percorrerá as principais rúas do Casco Histórico. O prezo da inscrición é de 8 € até o 21 de abril, e de 10 € a partir do 22 de abril, con peche de inscricións o día 30 de abril ás 23:59:59.

Para anotarse será preciso cubrir o formulario de inscrición que se atopa na páxina web da carreira, www.santyago10k.es, existindo dúas alternativas para facer o pago, directamente on-line ou ben achegándose posteriormente ao Multiúsos Fontes do Sar ou ao Complexo Deportivo Santa Isabel a aboar a inscrición.

Ademais, os socios e socias destes complexos deportivos poderán gozar dun desconto, cun prezo especial de 6 € se se inscriben antes do 28 de abril. SantYaGo10K conta co apoio do Concello de Santiago e o Multiúsos Fontes do Sar/Complexo Deportivo Santa Isabel. Tamén colaboran na carreira diferentes empresas e entidades, como Tee Travel, Bétula Cars, CaixaBank...
Dende hoxe pódese consultar toda a información da carreira na web www.santyago10k.es.

Contra o cancro de páncreas
Nesta quinta edición, a SantYaGo10K denomínase "SantYaGo10K contra o cancro de páncreas". Para contribuír a esta causa, este ano a carreira ten carácter solidario, polo que parte da recadación irá destinada á investigación científica contra o cancro de páncreas. Tamén se habilitará un dorsal "0" solidario para as persoas que non participen na proba e desexen contribuír coa causa.

Cada ano, 7.000 persoas son diagnosticadas desta enfermidade no Estado. Este tumor é a terceira causa de morte por cancro, malia ser o 8º en frecuencia. Prevese que dentro de dúas décadas será a 2ª causa de morte por cancro no mundo. A supervivencia por esta enfermidade non mellorou significativamente nas últimas décadas, xa que é un tumor agresivo, que se diagnostica con frecuencia de forma tardía e que é pouco sensible á quimioterapia e á radioterapia.

Trátase dun problema importante para a sociedade, e só a investigación científica pode axudar a solucionalo. Estanse a facer progresos para lograr un diagnóstico máis temperán deste tumor, co inicio de programas de cribado de cancro de páncreas en grupos de alto risco, así como ensaios clínicos para mellorar o estado nutricional destes doentes, que favoreza a tolerancia ao tratamento por parte do Servizo de Aparato Dixestivo do CHUS. Porén, segue a ser necesario un maior investimento económico en investigación científica, que nos permita aumentar a taxa de supervivencia e curación.

Actualmente as únicas axudas para a investigación específica contra o cancro de páncreas son a beca Carmen Delgado-Miguel Pérez Mateo de AESPANC - ACAPAN. O obxectivo principal desta iniciativa é a recadación de fondos económicos que nos permitan unha maior e mellor investigación neste tipo de cancro.

Direccións relacionadas



Compartir: