ALCALDÍA

O alcalde reivindica a colaboración entre o Concello e a Universidade na presentación de AEMAT

06/03/2019 O alcalde, Martiño Noriega, participou esta mañá na presentación da Agrupación Estratéxica en Materiais da Universidade de Santiago, AEMAT, que vén de ser recoñecida pola Consellería de Educación como nova Agrupación Estratéxica do Sistema Universitario de Galicia. O rexedor aproveitou o acto para reivindicar a colaboración entre o Concello e a USC para "poñer o emprego e o talento no corazón da axenda política de Santiago".

A Agrupación Estratéxica en Materiais da Universidade de Santiago xunta máis de 120 investigadores e investigadoras de 11 grupos multidisciplinares da USC no campo dos materiais. AEMAT centrará a súa investigación en catro áreas estratéxicas: os biomateriais, os materiais e dispositivos ópticos, os nanomateriais funcionais e outros materiais e a simulación computacional aplicada a este campo. Na presentación da agrupación participaron o alcalde, Martiño Noriega; o reitor da USC, Antonio López; a conselleira de Educación, Carmen Pomar; e os coordinadores da AEMAT, os profesores Arturo López Quintena e José Rivas.

O alcalde felicitou os máis de 120 investigadores e investigadoras que forman parte de AEMAT, que "xa veñen demostrando o seu talento e a súa capacidade para captaren fondos públicos e privados, que son exemplo de excelencia e de transmisión de coñecemento a empresas de todo o mundo, tamén da nosa cidade". Martiño Noriega lembrou as liñas de colaboración que o Concello ten abertas coa Universidade de Santiago, e reiterou o seu convencemento de que "máis alá do turismo, Compostela pode e debe ter outra Citroen, que debe ser a Universidade, peza fundamental nas estratexias que xa temos lanzadas para lograr a reindustrialización da capital galega a través de sectores emerxentes como o da madeira ou a biotecnoloxía". Para o rexedor, "debemos poñer o emprego e o talento no corazón da axenda política de Santiago, e a USC é unha das pezas angulares desa estratexia porque é aquí onde está a nosa mellor arma: o talento".

Compartir: