CONVIVENCIA

O Servizo de Extinción de Incendios moderniza o seu parque móbil

04/03/2019 O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia, Xan Duro, e o xefe do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento, Manuel Sanmartín, presentaron hoxe os dous vehículos do parque que veñen de ser renovados, "dentro dun plan que continuará nos próximos meses e que ten como obxectivo modernizar o corpo coa vista posta no Xacobeo de 2021", en palabras do edil. Desta vez actuouse no camión cisterna de 13.000 litros e no autobrazo de 42 metros, que foron acondicionados cun investimento de preto de 40.000 euros".

O camión cisterna e o autobrazo foron renovados para cumprir as novas normativas, e tamén para darlles unha imaxe homóloga á dos servizos de bombeiros das principais capitais europeas. Deste xeito, os dous vehículos foron dotados das novas luces de emerxencia de cor azul, como sinala a nova normativa, e tamén dun sistema de cámaras que abarcan os 360 graos do vehículo. A maiores, no autobrazo instaláronse sensores de aproximación. O cambio máis visible é a nova rotulación dos vehículos, utilizando o denominado "Patrón Battenburg". Trátase dun deseño con alternancia de rectángulos ou cadrados reflectantes e absorbentes da luz, que crean un rápido impacto visual e facilita a identificacións dos vehículos como pertencentes a un servizo de emerxencia.

O xefe dos Bombeiros explicou que "o Patrón Battenburg foi deseñado nos anos 90 por un grupo de enxeñeiros da policía de Reino Unido, co obxectivo de reducir o número de accidentes nos que se vían involucrados vehículos policiais debido á súa baixa visibilidade". Manuel Sanmartín apuntou que "o deseño permite unha visibilidade duns 500 metros para estes vehículos".

Novas adquisicións e máis efectivos
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia explicou que "para este ano está prevista a licitación dun novo camión escaleira de 32 metros, de dous vehículos lixeiros para o servizo, e dun novo sistema de comunicacións. Ademais, engadiu que "se está traballando na licitación dun novo vehículo específico para ser usado na cidade histórica, e está previsto adoptar outras melloras relacionadas coa renovación dos Equipos de Respiración Autónoma e dos cascos de intervención".
Todo iso súmase á nova uniformidade que veñen utilizando os Bombeiros dende hai uns meses. Ademais, Xan Duro incidiu en que "o Concello está a reforzar o persoal do corpo, e nas próximas semanas coñeceremos a data do primeiro exame das oposicións para cubrir sete prazas de bombeiros-condutores, e a promoción interna de cinco sarxentos". Será a primeira incorporación de novos bombeiros dende o ano 2006, e con ela o servizo pasará a contar con 45 efectivos.

Balance de 2018
O concelleiro de Medio Ambiente e Convivencia e o xefe dos Bombeiros tamén fixeron balance da actividade do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento en 2018. O ano pasado, os Bombeiros realizaron 2.403 intervencións. Son 106 menos que en 2017, pero duplícanse as 1.192 intervencións rexistradas en 2010, o primeiro ano no que hai rexistro. Manuel Sanmartín explicou que "ese incremento está relacionado fundamentalmente coa aparición da avespa velutina, e de feito máis do 50% das saídas en 2018 foron por ese motivo". O ano pasado, os Bombeiros realizaron 1.231 intervencións en enxames, dos que 1.119 resultaron ser de nespras asiáticas. O xefe dos Bombeiros explicou que "practicamente a diario se retiran niños de velutinas, e mesmo estamos tendo avisos de niños con actividade nestas semanas, que en teoría é temporada baixa".

O segundo motivo que provocou máis saídas dos Bombeiros o ano pasado foi a realización de inspeccións e actividades preventivas, cun total de 441 intervencións. Ademais, en 2018 o servizo atendeu 178 limpezas de calzada, 161 incendios, dos que 12 foron forestais; e 97 caídas de árbores. Tamén foi precisa a intervención dos Bombeiros en 55 inundacións, 44 incidencias relacionadas cos gases e 25 accidentes de tráfico. O xefe do Servizo de Extinción salientou "o descenso do número de incendios, grazas sobre todo aos traballos de prevención e á concienciación cidadá", e tamén "o incremento dos rescates de animais, que chegaron a 21 en 2018".

Xornada de portas abertas
Xan Duro e Manuel Sanmartín fixeron un chamamento á participación na xornada de portas abertas coa que os bombeiros celebrarán o sábado o seu patrón, que se conmemora o 8 de marzo. As actividades desenvolveranse en horario de dez da mañá a dúas da tarde, e inclúen a exhibición dos vehículos, traxes e material dos que dispón o servizo. Tamén se mostrarán dous vehículos históricos do servizo, un do ano 1912 e outro de 1957. Ademais, haberá actividades como a elaboración de carnés infantís de bombeiros ou de cascos para nenos e nenas.

Compartir: