ALCALDÍA

O alcalde participa na presentación do "Dicionario da Comida Galega"

01/03/2019 O alcalde participou hoxe na presentación dun traballo pioneiro na cultura galega: o Dicionario da Comida Galega, de Xabier Rodríguez Baixeras. No acto, Martiño Noriega loubou o volume, que "xunta información sobre gastronomía, lingua, literatura e historia do país".

O Dicionario da Comida Galega é un volume de 600 páxinas e 1.500 fotografías, con máis de 1.000 entradas sistematizadas alfabeticamente, con explicacións filolóxicas, alimentarias, científicas e literarias. Tal e como sinalou o seu autor, o volume "fai un esforzo de recuperación lingüística clave para unha cultura como a galega, restaurando conceptos e situándoos no centro da realidade produtiva e gastronómica" O Dicionario da Comida Galega é o escaparate dos produtos propios do agro, a pesca e a industria da alimentación, que se converte nun baluarte e un impulsor dun sector que proxecta a imaxe e a economía de Galicia no mundo.

A obra de Xavier Rodríguez Baixeras está editada por Aira Editorial e Engaiolarte Edicións, representados na presentación por César Lorenzo Gil e Xan Carballa, respectivamente. Nas súa publicación colaboraron o Concello de Santiago e outras entidades como Galicia Calidade, a Deputación de Lugo ou o Concello do Porriño, así como diferentes empresas e denominacións de orixe.

Compartir: