XUNTA DE GOBERNO

A Xunta de Goberno aproba a declaración de lesividade dos pregos de licitación da Escola Municipal de Música

01/03/2019 A Xunta de Goberno aprobou hoxe, a proposta de Alcaldía, a declaración de lesividade para o interese público dos pregos que rexeron a contratación do servizo de dirección pedagóxica, docencia e organización das actividades da Escola Municipal de Música. Martiño Noriega explicou que se abre agora un prazo de dous meses no que o propio Concello deberá impugnar os pregos diante da xurisdición contencioso-administrativa.

O acordo adoptado hoxe responde á decisión adoptada en setembro pasado, cando se suspendeu temporalmente o procedemento de licitación do servizo da Escola Municipal de Música e se abriu o procedemento de lesividade ao entender que puido haber un erro de cálculo no estudo económico dos pregos, que motivou a escasa concorrencia ao procedemento e que mesmo podería poñer en risco o propio servizo. O alcalde reiterou que esta medida, prevista na Lei de Contratos, "pretende defender o interese público e garantir a continuidade e viabilidade do servizo", e explicou que "será a intervención final dos tribunais quen sinale se os pregos impugnados polo Concello son ou non conforme a dereito". Ao mesmo tempo mantense a medida cautelar acordada, para que a Escola Municipal de Música siga funcionando con normalidade no que queda de curso.

De cara ao curso que vén, o alcalde sinalou que "seguen sobre a mesa varias opcións, pero a máis factible é a da nova licitación garantindo a subrogación do persoal, e tendo en conta que nos últimos meses xerouse xurisprudencia ao respecto". Aínda así, Martiño Noriega apuntou que "non está descartada por completo a opción da xestión directa, que é a aspiración da comunidade educativa, pero somos conscientes das dificultades que suporía polo feito de falarmos dunha competencia impropia e dun servizo que non xera beneficios". O alcalde maniefstou que "o Goberno segue traballando co obxectivo de que a Escola Municipal de Música manteña a súa calidade actual".

Documentos relacionados

Direccións relacionadas



Compartir: